Cun importe total de 2.895.894,26 € pasará a incrementar a hora de custo en 4,41 € nun esforzo económico que supón máis dun 15% do orzamento municipal
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Salceda ven de aprobar por unanimidade o proceso de licitación do servizo de axuda no fogar (SAF) para os vindeiros 4 anos, por un importe de 2.895.894,26 €.
O proceso de licitación do SAF é o de importe máis elevado no que vai de lexislatura, supoñendo máis dun 15% do orzamento municipal, e convócase pola caducidade do anterior contrato, que nos últimos anos se ven prestando pola empresa SOCISER.
O Concello de Salceda pasará dun custe de 14,30 € por hora a un prezo de 18,71 €, nun importante esforzo económico dirixido a un dos colectivos máis vulnerables, o das persoas maiores, que neste momento de pandemia toca protexer máis que nunca.
A alcaldesa, Loli Castiñeira, lembrou no Pleno que “a Xunta mantén a súa aportación en 9,70 €/h, moi lonxe dos 18,71 € do prezo de licitación, obrigando ao Concello e ás persoas usuarias a facer un maior esforzo económico para a prestación do servizo”. Criticou tamén a alcaldesa que “a Xunta de Galicia concede novas horas sen previo aviso aos Concellos, esquecendo que estes deben contar con consignación orzamentaria que permita ofrecer o servizo, o que obriga en moitas ocasións a ter que rexeitar esas horas tan necesarias”.
A concelleira de Benestar, Gela Ledo, agradeceu o traballo realizado polo departamento de servizos sociais na elaboración deste expediente que se demorou por mor da pandemia. “Trátase dun servizo fundamental que axuda ás nosas persoas maiores, e deste xeito darémoslles unha maior estabilidade tanto a elas como ás traballadoras que realizan este servizo”.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira manifestou “temos que protexer ás nosas persoas maiores agora máis que nunca, e somos conscientes de que o SAF é un servizo de vital importancia para que poidan seguir a facer vida normal nos seus domicilios, ofrecendo deste xeito un servizo fundamental tamén para as familias, quen en moitas ocasións non teñen medios para unha correcta atención a estas persoas”.