Eva García recibiu hoxe a Salvador Illa que amosou gran interés en coñecer os avances que se presentan na consecución da vacina do Covid
A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre recibíu hoxe, a primeira hora da mañá ao ministro de Sanidade do Goberno de España, Salvador Illa que acudiu a visitar as instalacións da factoría “Biofabri” do grupo empresarial “Zendal”, sita en Torneiros.
O ministro manifestou que tiña un especial interese en coñecer o traballo que está a desenvolver na fabricación dunha das vacinas contra a Covid que xa está en pleno proceso de fabricación.
Xunto co ministro e a alcaldesa do Porriño, acudiron á visita das instalacións Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP; a directora da Axencia Española do Medicamento, María Jesús Lamas e o delegado do Goberno de Galicia, Javier Losada. Na visita ás instalacións de “Biofabri” tiveron como anfitrións ao presidente do grupo “Zendal”, Pedro Fernández Puentes; ao conselleiro delegado, Andrés Fernández; e ao director da factoría, Ricardo Troncoso.
O ministro mantivo unha reunión de traballo coas autoridades presentes e os directivos do grupo “Zendal”, na que a alcaldesa do Porriño reclamou ás administracións competentes “unha maior axilidade nos procedementos urbanísticos, para facilitar o crecemento das instalacións de Biofabri no Porriño”. Precisamente o presidente do grupo empresarial agradeceu a Eva García “a estreita colaboración e as facilidades que a alcaldesa do Porriño nos dispensa dende que ela chegou ao cargo”.
A alcaldesa manifestou que “para todos nós que O Porriño estea no foco mundial da solución a esta pandemia, é un motivo de orgullo; e para mín, como alcaldesa, estar a súa disposición para o que poidan necesitar” engadiu a rexidora.