
Feijóo salienta que a participación de Galicia na fabricación da vacina contra a COVID-19 constata a importancia de seguir apostando polo sector biotecnolóxico e o talento galego
A estratexia de Impulso á biotecnoloxía leva mobilizados 239 M€ en favor do sector, o que sitúa á Comunidade entre as dúas onde máis empresas neste eido se crearon nos últimos anos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a participación de Galicia na fabricación da vacina contra a covid-19, grazas á innovación e ao traballo do grupo Zendal, constata a importancia de seguir apostando polo sector biotecnolóxico, pola saúde e o talento galego.
Durante a visita ao grupo na planta do Porriño, Feijóo lembrou nesta liña que a Estratexia de Impulso á biotecnoloxía leva mobilizados 239 millóns de euros en favor do sector, o que sitúa á Comunidade xunto co País Vasco entre as dúas onde máis empresas neste eido se crearon nos últimos anos. “E, adicionalmente, investimos 12 millóns de euros para impulsar a loita contra a covid, a través do apoio á investigación e o impulso de solucións innovadoras”, engadiu.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego avogou por seguir traballando de forma conxunta co tecido produtivo para identificar iniciativas que, a través de investimentos produtivos, dean resposta aos procesos de reforma e transformación que require a crise da covid. Así, Feijóo confirmou a presentación do proxecto integral de Zendal dentro da lista dos primeiros 108 proxectos cos que Galicia opta aos fondos europeos de recuperación Next Generation. En concreto, trátase dun investimento de 111 millóns de euros que inclúe novas plantas produtivas ou un novo centro de alta tecnoloxía, entre outros.
“Unha iniciativa que a Xunta priorizará como un dos proxectos tractores máis importantes non só para Galicia, senón tamén para España, e que consolidará a Zendal como un dos grandes centros estratéxicos para a produción de vacinas e produtos sanitarios”.
Feijóo concluíu resaltando os 25 anos de experiencia e de compromiso con Galicia desta compañía de investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización de produtos de alto valor engadido no eido da saúde. Unha empresa con presencia en 70 países, e que dedica o 11% ao investimento en I+D+i. “Estamos a falar de tecnoloxía, experiencia e talento galego”, sentenciou.