Redacción 30/10/2020

A mostra ‘Namórate de ti’ inaugurouse onte no Pazo de Mos cunha curta documental a piques de rematarse de cara á súa estrea o 25 de novembro.

 

Onte á tarde presentouse no auditorio do Pazo de Mos a exposición fotográfica ‘Namórate de ti’ baseada no curso de autoestima e empoderamento a través da fotografía impartido a 12 mulleres grazas á colaboración entre EURURAL da Asociación de Desenvolvemento Rural MAIV Baixo Miño GDR 14, a Xunta de Galicia, o Concello de Mos, o CIM de Mos e a Fundación Pazo de Mos.

Ao acto de inauguración asistiron membros das entidades organizadoreas e as 12 mulleres participantes no curso que fixeron unha actuación no esceario do auditorio. A continuación puido contemplarse a exposición fotográfica.

Sobre todo o proceso que implica a realización deste curso por parte das 12 mulleres participantes estase a finalizar unha curta documental, de entre 8 e 10 minutos de duración, grabada tamén por dúas mulleres. Comezouse a rodar ao comezo do curso e aborda todo o procedemento de como lles cambia a perspectiva ás mulleres participantes tras levar a cabo esta acción formativa. A estrea do documental está prevista con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.

O proxecto constou de sesións grupais de catro días realizadas os días, luns 7 de outubro, mércores 9, xoves 10 e venres 11 nas que as participantes compartiron unhas vivenzas enriquecedoras a través da cohesión grupal e a autoobservación. Tratouse dun curso destinado a mulleres desempregadas, e/ou que precisaban voltar a confiar en sí mesmas, vítimas de violencia de xénero, en perigo de exclusión social, etc. Os obxectivos son mellorar a calidade de vida das mulleres, a través dos obradoiros, e potenciar as súas cualidades e capacidades.

O obradoiro foi impartido por Tegra Gómez, que estudou Maxisterio e Animación Sociocultural, directora de tempo libre e de campos de traballo, creadora de proxectos de desenvolvemento comunitario, proxectos culturaris, monográficos sobre lingua, recursos creativos para a escola, literatura, etc. e por Patricia Maquieira, artista multidisciplinar, asesora de imaxe comercial, docente no sector comercio, rama de escaparatismo, visual merchandiser, fotografía, redes sociales, comercio electrónico, dinamizadora social, traballou na Asoc. Alba, Príncipe Felipe, con persoas con problemas graves de autoestima, e en proxectos de dinamización local como o plan Verea, ademais doutros proxectos.

As mestras Tegra Gómez e Patricia Maquieira declararon sobre os resultados do curso que “consideramos que o proxecto foi un éxito, de asistencia e as mulleres estiveron moi participativas, aportando nas súas vidas unha vivenza enriquecedora que lles axudou a crer máis nelas, mellorando o seu autoconcepto, así como as relacións con outras mulleres”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad