Redacción 21/10/2020

O vindeiro domingo 25 de outubro a exitosa agrupación de pandeireteiras actuará na Sala Rebullón ás 20h. As entradas están disponíbeis online cun prezo de 15 euros.

 

A vida ten dúas caras. Ten momentos contrapostos, que saben ás veces doce e ás veces amargo. Unha dualidade inevitable que equilibran con tento e delicadeza, con forza e carácter, as Tanxugueiras. Sangue novo para revitalizar e actualizar a tradición da música oral do país, unha formación que no seu segundo disco consegue dar unha nova vida e un novo significado as coplas que se cantan dende antigo en Galicia. Contrapunto é un disco de dez temas siameses, cinco caras e cinco cruces de diferentes momentos da vida narrados a través das letras que as pandeireteiras mantiveron vivas ata hoxe. Palabras con pasado para describir o presente a través de voces destas tres mozas e de sonoridades de diferentes estilos. Unha proposta que expande as posibilidades da música tradicional e a sitúa a base de forza e empoderamento nos mesmos escenarios que estilos como o pop ou o indie.

O seu segundo traballo, que leva por título Contrapunto, publicouse en novembro de 2019, da man de Calaverita Records e PlayPlan.

Voces, pandeiretas e luz na súa versión máis ousada. O esencial da música tradicional sobre o escenario cunha potencia que só acadan Tanxugueiras. En directo, Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío, acompañadas das percusións de Isaac Palacín (Berrogüeto, Guadi Galego), conectan co público a través da súa naturalidade e enerxía. A interpretación ao vivo dos novos temas gaña agora en presencia e teatralidade para dar forza ao relato que transmiten as súas letras. E fano sen perder esa ledicia contaxiosa pola que as recoñece o público.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad