Redacción 21/10/2020

Concede ao Concello unha prórroga do V Programa Integrado de Emprego, que xa logrou 54 usuarios traballando na actualidade e outros 18 máis que traballaron nalgún momento desde o inicio do programa. Ademais, acaba de comezar na Axencia de Colocación mosense un novo curso AFD de soldadura no que participan 10 alumnos.

 

O V Programa Integrado de Emprego de Mos que remataría hoxe pasará a finalizar o 20 de decembro de 2020. Esta nova data implica tamén un aumento da subvención, por un importe total de 29.246,58 euros que, sumados á contía do proxecto inicial, 250.000 euros, computan unha axuda con importe total de 279.246,58 euros da Consellería de Emprego e Igualdade. 

O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia foi iniciado no pasado mes de decembro de 2019 con 100 persoas usuarias de diferentes perfís profesionais, grupos de idade entre os 17 e os 61 anos, e conta con 59 mulleres e 41 homes en busca activa de emprego. 

Destas 100 persoas, e a pesar da crise sanitaria da COVID-19, actualmente están traballando 54 e outras 18 máis traballaron nalgún momento desde o inicio do programa, o que fai un total de 72 insercións laborais. Debido ó establecemento do estado de alarma provocado pola crise da COVID19, produciuse unha paralización das accións presencias do Programa integrado desde o 13 de marzo ata o 1 de xullo de 2020.

Por outra banda a semana pasada comezaron as clases os/as 10 alumnos/as do curso AFD de Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG tamén subvencionado pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Trátase de formación práctica de calidade e con futuro xa que, ao terminar, aos alumnos entregaráselles un diploma acreditativo do  Certificado de Profesionalidade, da familia profesional de Fabricación Mecánica, área profesional da construción metálica: “Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG”. A subvención autonómica concedida para a realización deste curso AFD (Acción Formativa para Desempregados) ascende a 76.733,10 euros.

Trátase dunha acción formativa cunha duración total de 670 horas que está a ser impartida por parte da Axencia de Colocación do Concello de Mos, que continúa a priorizar as políticas de formación, emprego e inserción laboral nestes duros momentos de crise económica derivada da COVID-19. As competencias a adquirir polo alumnado durante a acción formativa son a realización de soldaduras e proxeccións térmicas por oxigás, soldaduras con arco baixo gas protector con eléctrodo consumible (MIG, MAG) e proxeccións térmicas con arco, de acordo coas especificacións dos procedementos de soldeo (WPS).  As materias que se imparten son prevención de riscos laborais, interpretación de planos, procesos de corte e preparación de bordos, Soldadura Oxigás, Soldadura MAG de chapas e estruturas de aceiro ao carbono e Soldadura MIG de aceiro inoxidable e aluminio.

Tras o curso os alumnos terán 40 horas de prácticas non laborais  en empresas cuxo obxectivo é que poidan por en práctica os coñecementos adquiridos nun ambiente real de traballo.  Ademais, estes alumnos formaranse para acceder ao mercado laboral como soldadores e serán inscritos na bolsa de emprego “https://mos.portalemp.com/”, dende onde se realizará unha intermediación laboral con empresa do sector para conseguir a súa inserción laboral.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad