Redacción 18/10/2020

O xuízo aos 12 militantes independentistas detidos en 2015 comezará mañá luns na Audiencia Nacional en Madrid. Os convocantes entenden que non existe fundamento para as acusacións e as peticións de condena, e subliñan o carácter excepcional das actuacións do Estado.

 

Centos de persoas manifestáronse nas rúas este venres en Vigo e hoxe, domingo, en Compostela para mostrar a súa solidariedade cos 12 encausados no xuízo, o seu rexeitamento ao procedimento xudicial e para sinalar a ameaza que este tipo de actuacións policiais e xudiciais supoñen para dereitos civís e políticos fundamentais da cidadanía en xeral.

O asunto iniciouse en 2015 coa detención, no marco da chamada Operación Jaro, de nove militantes independentistas da organización Causa Galiza acusados de apoloxía do terrorismo e pertenza a banda armada. Tal era a fraqueza das acusacións que durante a fase de instrución, no ano 2016, os cargos de pertenza a banda armada decaen cando se constata a ausencia de probas incriminatorias nese sentido, transformándose entón en imputacións de integración en banda criminal para a comisión de delitos de enaltecimento do terrorismo. O xuíz Eloy Velasco foi obrigado pola sala do Penal a levantar a suspensión das atividades de Causa Galiza previamente decretada. En 2017, sobre a base das mesmas acusacións, foron detidos tres outros membros de Ceivar, outra organización independentista que centra a súa atividade no ámbito da loita contra a represión política e policial. 

A instrución recae posteriormente no xuíz Félix Alfonso Guevara, quen xulgara o polémico caso que deu por constatada a existencia, e tamén a desarticulación, da organización terrorista Resistência Galega. Isto, xunto coa admisión como proba do sumario 2/2012 relativo a aquel caso, levou á defensa a solicitar a recusación do xuiz ao entender que se vía afectada a imparcialidade do mesmo.

Tras meses de parálise instrutora, en 2019 a Fiscalía da Audiencia Nacional decide pedir a disolución das dúas organizacións por seren os encausados membros e responsábeis de organización e coordinación das mesmas, presentando un escrito de acusación que mantiña as imputacións de pertenza en banda criminal para 11 dos acusados, e mais os delitos de enaltecimento de terrorismo pola participación en actos de recibimento de persoas vinculadas pola policía e os medios a “Resistência Galega”, moitos dos cales foran absoltos dos cargos. Os acusados enfréntanse agora a penas de até 12 anos de prisión, 32 de inhabilitación e un total de 348.000 euros de multa.

Desde o principio as organizacións implicadas destacaron a excepcionalidade das actuacións policiais e xudiciais relacionadas coa Operación Jaro, a cal denuncian que foi iniciada co obxectivo de encontrar probas, e non por causa destas. Ambas as dúas organizacións levan a cabo a súa atividade de maneira “pública e legal”, negan a veracidade das acusacións imputadas e denuncian a montaxe policial, a hostilidade da campaña política apoiada polos grandes medios de comunicación e a vulneración de dereitos fundamentais ao longo do proceso. Á vez, chaman a atención sobre o recorte de dereitos fundamentais que supón que prácticas como as que substentan este caso sexan toleradas e demandan solidariedade ao conxunto da cidadanía.

Os acusados contan co apoio de numerosas organizacións sociais e políticas, e de case 2.000 asinantes dun manifesto que denuncia a montaxe policial e reclama a absolución. Hoxe foron centeares as persoas que marcharon polas rúas da capital galega para defender que “a solidariedade non é delito” e denunciar o recorte de dereitos que dende anos ameaza aos movementos políticos e sociais galegos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad