Redacción 07/10/2020

A marcha a pé terá lugar este mércores día 7 a partir das 11:30 horas dende o cruzamento de Colón até a delegación da Xunta. A administración autonómica continúa sen implicarse no asunto de maneira decidida.

 

O comité de empresa de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación crítica, percorrerá as rúas de Vigo en manifestación este mércores no marco da loita que manteñen dende hai anos en defensa dos postos de traballo. A marcha a pé arrincará do cruzamento da rúa Colón ás 11:30 horas e rematará diante da delegación da Xunta para reclamar a implicación do Goberno galego na busca dunha solución definitiva que permita continuar coa actividade industrial.

Esta nova protesta prodúcese días despois da manifestación que tivo lugar o pasado xoves dende as instalacións da empresa até o Concello do Porriño e celebrarase unha vez que a representación do persoal segue sen ter novas da Xunta a pesar de que os responsábeis autonómicos se comprometeran a implicarse na problemática da empresa. “Continúan sen responder ás nosas peticións para manter unha xuntanza”, critican. Por iso están a intensificar as mobilizacións e as xestións institucionais neste sentido. De feito, vense de aprobar unha moción no Concello do Porriño de apoio á loita das traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias, mentres que para este xoves hai fixada unha reunión entre o comité e todos os alcaldes das localidades nas que vive o persoal da compañía.

Ao mesmo tempo, o grupo parlamentario do BNG presentou dúas mocións instando a Xunta a implicarse na busca dunha solución, mentres que o PSOE anunciou que tamén fará xestións no mesmo sentido. “Do PP non sabemos nada”, sinalan dende o comité.

Lembran que cada vez queda menos tempo para atopar unha saída que permita o mantemento da actividade e de todos os postos de traballo, “xa que a empresa corre o risco de desaparecer no caso de que se publique no BOE a orde de poxa dos terreos decretada polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño”. A débeda da compañía, que aplicou nove ERE e na actualidade ten 18 dos 148 empregados/as en ERTE, coas entidades bancarias ascende a 28 millóns de euros. Ademais, continúa sen abonarlle ao cadro de persoal a paga extra de verán e a media de marzo pendentes.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad