A concelleira de Educación reclama á Xunta de Galicia información clara e periódica sobre os contaxios de Covid nos centros docentes do Porriño
Anteriormente a Administración Autonómica xa tivo que disculparse co Concello pola sua falla de información e filtracións
A concelleira de Educación, Lourdes Moure, reclamou no nome do Concello do Porriño á Xunta de Galicia “información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes da vila”.
A edil expresou “o malestar fronte á Consellería de Sanidade pola falla de información que temos sobre a incidencia do Covid no concello e particularmente na parte que me toca, na comunidade educativa”. Lourdes Moure lembrou que tivemos casos en dous centros, “Aceesca” e no CEIP “Fernández López” dos que “enterámonos de xeito extraoficial e a través de terceiros”, engadiu a concelleira.
Lourdes Moure manifestou que a súa Concellería tamén trasladará este malestar á FEGAMP para sumarnos aos demais concellos que tamén reclaman á Xunta de Galicia información diaria da incidencia do Covid nos nosos concellos”.
A concelleira lembrou que concellos como O Porriño “estamos a facer un esforzo orzamentario moi importante en asumir tarefas como a desinfección diaria de colexios e garderías, aínda de que se trata dunha competencia impropia que asumimos pola seguridade dos nosos nen@s”, rematou.