Carlos López Font: “Con esta decisión a nosa provincia convértese nunha referencia de primeiro nivel dentro do esquema territorial da UNED”.
Pontevedra será sede do Campus Noroeste da UNED, que coordina os 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura. O anuncio foi realizado esta semana durante a xuntanza extraordinaria e urxente da Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado de Pontevedra. Durante a sesión tamén se deu conta do nomeamento do profesor, actualmente en Segovia e xa director do Campus Noroeste, Víctor González Sánchez como novo director do Centro Asociado pontevedrés, que como nova sede do Campus Noroeste agrupa aos centros asociados de Xixón, Ávila, Burgos, Palencia, Ponferrada, Segovia, Soria, Zamora, Mérida, Plasencia, A Coruña, Lugo, Ourense e, por suposto, Pontevedra
O deputado Carlos López Font, que presidiu a xuntanza por delegación da presidenta, Carmela Silva, destacou que a provincia de Pontevedra, “que xa é coñecida e recoñecida polo seu prestixio académico e no campo da formación, o coñecemento e a investigación, dá un novo paso adiante”. “Esta decisión que hoxe coñecemos converte a nosa provincia nunha referencia de primeiro nivel dentro do esquema territorial da UNED”, concluíu.
O único punto da orde do día da xuntanza extraordinaria consistía no trámite de audiencia para o nomeamento do novo director, tralo cese da actual directora, María Troncoso, xa publicado no Boletín Interno de Coordinación Informativa (BICI) da UNED o pasado día 23. Deseguido deuse conta de que o nomeamento do profesor González Sánchez será publicado no BICI o próximo luns, con efectos retroactivos a partir de hoxe, 1 de outubro. As novidades foron comunicadas polo vicerreitor de Centros Asociados, Jesús de Andrés. As persoas integrantes da Xunta Reitora quedaron enteradas de que tanto o cese como o nomeamento foron realizados, de acordo coas súas competencias, polo reitor da UNED, Ricardo Mairal. Ademais, confirmouse o traslado da Dirección do Campus Noroeste a Pontevedra, o que reforza o papel deste centro asociado dentro do organigrama da Universidade. Finalmente, a Xunta Reitora fixo constar en acta o agradecemento á anterior directora do centro.
A UNED ten actualmente 5 campus en España. Cada campus dispón de diferentes áreas de coordinación: Académica, orientada á xestión e creación de calendarios de formación regrada; Extensión Universitaria, coa finalidade de coordinar cos centros asociados actividades culturais e formativas non regradas e, por último, a Tecnolóxica, que ten como misión manter e xestionar o equipamento tecnolóxico dos centros para facilitar as clases en rede. As tres coordinacións están baixo a supervisión da Dirección de Campus, que na UNED, ten rango equivalente á Vicerreitoría.
Víctor González, que compatibilizará nas próximas semanas a súa actividade profesional entre Segovia e Pontevedra, desprazarase a continuación a esta cidade e iniciará unha rolda de contactos con tódalas institucións. O profesor González xa tivo no pasado vinculación docente co centro asociado de Pontevedra.