Educación publica a resolución das subvencións do curso pasado e conserva íntegro o importe de 553.000 euros, incluídos os meses nos que non se prestou o servizo pola suspensión das clases. Compénsanse así os gastos extra para este curso derivados da implantación de medidas de seguridade por mor da covid neste primeiro trimestre
O departamento educativo da Xunta mantén o seu compromiso de incrementar o orzamento da próxima convocatoria de subvencións a estas entidades en 2021
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de resolver achegar ás ANPAS de toda Galicia un total de 553.000 euros en concepto de axuda pola xestión do servizo de comedor escolar durante todo o pasado curso escolar. Deste xeito, increméntase o importe que correspondería a estas axudas polos meses nos que realmente se prestou servizo durante o curso 2019/2020 por mor da suspensión das clases.
As 107 entidades beneficiarias que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia recibirán por parte da Xunta a subvención íntegra correspondente a todos os meses do curso lectivo, pese a que durante o último trimestre do curso non chegaron a rexistrar este gasto, un importe estimado en 190.000 euros. Compensase así o gasto extra deste trimestre derivado do reforzo das medidas de seguridade por mor da pandemia.
A maiores, a Consellería mantén o seu compromiso de incrementar en 2021, de forma substancial, as contías das axudas que se destinan ás ANPAS que xestionan comedores escolares no conxunto de Galicia neste curso, co fin de facilitar as medidas de adaptación sen que isto supoña un prexuízo para as familias no prezo do menú.
Custo do menú, vixilancia e coidado
O departamento educativo da Xunta de Galicia publica cada ano unha convocatoria de axudas para o cofinanciamento do servizo de comedor escolar xestionado polas asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo de educación infantil.
A Consellería financia ata un máximo do 50% do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.
Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender o alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.
Protocolo de comedores
A Consellería vén de publicar o Protocolo de prevención da transmisión da covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios, un marco xeral sobre a prestación do servizo de comedor escolar que sirve de base para que as distintas entidades que xestionan o dito servizo elaboren os seus protocolos específicos, axustándose ás directrices xerais.
Nesta liña, ademais das axudas económicas, a Consellería segue a traballar de xeito coordinado coas asociacións e federacións de nais e pais para ofrecerlles soporte técnico na prestación deste servizo e lograr así un consenso que beneficie ao conxunto do alumnado.