O PSdeG de Mos reclama á alcaldía que traballe para garantir un inicio de curso seguro no IES de Mos
O PSdeG envía un comunicado no que denuncia a falta de medios humanos nos centros educativos. Exixe á alcaldesa Nidia Arévalo que traballe para reclamar a actuación da Consellería en vez de atacar ao goberno central.
Co inicio das clase, os colexios e o instituto de Mos tiveron que adaptar as súas instalacións cos actuais protocolos, véndose na obriga de desdobrar aulas e mesmo de prescindir de certas clases ou actividades nos seus horarios. No caso concreto do IES de Mos, sendo o único instituto público co que conta o Concello, tiveron que reorganizar as súas aulas para albergar a máis de centos de rapazas e rapaces de forma segura. A día de hoxe, o centro precisa da incorporación de cinco profesores máis para ser operativos a partires do o vindeiro día 23, data fixada pola Consellería de Educación para o comezo en secundaria.
Esta petición foi comunicada en varias ocasións aos responsables educativos sen obter resposta. Ante tal situación de incerteza e sen obter máis axuda por parte da Xunta, por ser esta quen ostenta a competencia en educación, o órgano directivo do centro presentou a súa renuncia.
Dende o Partido Socialista de Mos, instan a que o Concello preste a axuda pertinente para que o centro poida abrir as súas portas con cinco docentes máis. A voceira socialista di “non entendo coma a alcaldesa está máis preocupada de facer un desgaste do goberno central que de convencer os seus compañeiros de partido na Xunta”, engade “que o centro non dispoña deste persoal suporá para os nosos rapaces non poder ter clases de apoio cando o precisen”.
Victoria Alonso recórdalle a rexedora local que o seu labor é velar polo bo funcionamento dos servizos do concello e neste caso, as e os mosenses precisan que defenda a educación pública diante dos seus compañeiros de partido. Ademais, a voceira tamén reclama que se apoie a directiva do centro que fan unha dobre labor velando pola seguridade do alumnado.