As proxecións chegarán ás catro provincias galegas e poderán verse todos os filmes que participaron na sección oficial de ficción e animación do certame. É a primeira vez que un festival realiza unha edición expandida en cines con todas as curtas a competición.
O Festival de Cans bota a andar este mércores Cans Expandido, un formato inédito que servirá para levar as curtametraxes que participaron nas sección de Ficción e Animación da competición oficial do XVII Festival de Cans, celebrada a pasada semana, a nove salas de cine de toda Galiza.
O proxecto Cans Expandido ten por obxectivo incrementar a visibilidade das curtametraxes, ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid. Os filmes chegarán a 8 cineclubes de toda Galiza e máis á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña.
As proxeccións comezarán o día 9 nos cineclubes de Cangas, o Lumière de Vigo, e o CineClube Adega de Vilagarcía de Arousa. O día 10 chegan á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña e máis ao CineClube Groucho Marx do Barco de Valdeorras. O día 11 de setembro ao CineClube Os Papeiros de Chantada e por último, o día 12, ás salas dos cineclubes Val Miñor AG de Nigrán, ao Padre Feijoo de Ourense e ao CineClube do Carballiño.
Máis difusión, máis apoio a curtametraxistas
Esta iniciativa, innovadora entre os festivais españolas, chega xusto no ano no que por motivos sanitarios Cans tivo que reducir sensiblemente o seu aforo. A suma de esforzos do Festival de Cans, a Federación de Cineclubes de Galiza (FECIGA) e máis o propio CGAI permite levar as obras proxectadas no Festival a máis de 1.050 butacas de salas repartidas por toda Galiza.
En cada unha das sesións exhibiranse as 13 curtas que forman parte da sección oficial de ficción e animación do Festival de Cans. Cada unha das proxeccións terá un prezo de 4 euros, e a suma total da taquilla destinarase ao Premio FECIGA, que irá parar á curtametraxe elixida por un xurado formado por membros dos cineclubes de Galiza. Este galardón non estaba inicialmente previsto nas bases e facilita xerar un apoio económico adicional para o equipo que desenvolveu o filme vencedor.
O proxecto Cans expandido tamén contempla a difusión en liña e mediante pago por visión na web do certame entre os días 13 e 17 de setembro.
Curtametraxes participantes
Entre as películas que se proxectarán están Xoves de comades, de Noemí Chantada, a gran vencedora do Festival de Cans, con 4 galardóns, e 16 de decembro, de Álvaro Gago, que obtivo dous premios.
Neste formato expandido, o público tamén poderá ver Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos e que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a mellor interpretación feminina; Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores na que o traballo de Denís Gómez foi recoñecido coma a mellor interpretación masculina; a curtametraxe Conte Trencat, de Miguel Gago, que lle valeu a Mario G, Cortizo o premio á Mellor Banda Sonora.
Os afeccionados á animación poderán desfrutar El Gran Corelli, de Abel Carbajal, que levou o premio nesa categoría en Cans. Competía con Realty, de David Fidalgo Omil, e coa cinta Season, da realizadora italiana afincada na Coruña Giovanna Lopalco.
Completan o cartel Mare, de Guille Vázque, un traballo de corte experimental; a película Blacks or Whites, de Anita Pico; a cinta Papá, por qué quitas a música?, de Ariadna Cordal; a curtametraxe Baladas de Amor e Morte, da dúas veces finalista en Cans Iria Ares; a animación Hijos del cuerdo de Borja Santomé, que xa fora gañador do Premio do Xurado na categoría de animación.