O Castelo de Dona Urraca dá un salto cualitativo na súa andadura asinando a adhesión á Rede Nacional de Patrimonio Histórico Castelos e Palacios de España
O Castelo de Dona Urraca constitúe un dos edificios que menos alteracións arquitectónicas sufriu co paso dos anos e, como consecuencia, trátase dun dos edificios máis representativos da comarca do Condado do Tea, que hoxe en día acolle o Museo da Ciencia do Viño do Condado, un espazo que rende unha homenaxe ao noso rural e a un produto tan noso como é o viño e a viticultura.
Conscientes do seu incalculable valor histórico, arquitectónico, cultural e patrimonial a adhesión do Castelo de Dona Urraca á “Red Nacional de Patrimonio Histórico Castillos y Palacios de España” contribúe á mantenza viva deste espazo, o cal forma parte da identidade da vila, dándolle maior visibilidade e desenvolvendo interesantes sinerxías entre administracións públicas e privadas.
A Rede Nacional de Patrimonio Histórico Castelos e Palacios de España, que conta co apoio da Secretaría de Estado de Turismo e Turespaña, trae aparelladas interesantes vantaxes coma o recoñecemento nacional e internacional do espazo histórico- e por extensión do destino turístico: Salvaterra de Miño; a mellora de imaxe e posicionamento de destino; a redución de costes derivados da promoción, comunicación e comercialización ou a súa proxección tanto nacional como internacional.
Spain Heritage Network é a plataforma tecnolóxica da “Asociación y Club de produto turístico de Castillos y Palacios de España”. Este club de produto de turismo cultural pretende reunir, nunha mesma rede, ós castelos e palacios máis importantes de España, tanto dende o punto de vista histórico como arquitectónico, para contribuír a súa posta en valor e para a súa difusión e desfrute por parte de todos.
Cada castelo membro da rede, como é o caso do Castelo de Dona Urraca de Salvaterra de Miño, dispón dunha miniweb con toda a información acerca da súa historia, as súas personaxes e a súa oferta turística.