O edificio quedou sen uso o pasado 29 de xullo coa posta en marcha do novo centro de atención primaria
Esta proposta foi aprobada polos tres grupos da corporación salcedense einclúe o uso educativo que permitiría acoller os nen@s se así o estimase a Xunta de Galicia
O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente a mutación demanial interna do seu antigo centro de saúde para destinalo a usos de carácter sociocultural, educativo ou de benestar social. A proposta foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos da corporación.
O enorme dinamismo social do Concello de Salceda fai precisa a dotación de novos espazos que acollan a multitude de iniciativas tanto públicas como as que parten do tecido asociativo, así como para cubrir as necesidades da xuventude salcedense, polo que o trámite que ven de aprobarse resultaba fundamental.
Cabe lembrar que o Concello puxo tamén o edificio do antigo centro de saúde a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que puidese ser empregado como centro educativo nestes momentos de pandemia e poder deste xeito diminuír as ratios dos centros do municipio, resposta que ata o de agora non tivo resposta. Por este motivo a mutación inclúe o uso educativo que permitiría acoller os nenos e nenas se así o estimase a Xunta de Galicia.
O edificio, situado na Rúa Compostela e en pleno centro urbano, quedou sen uso o pasado 29 de xullo, coa apertura do tan demandado novo centro de saúde. O inmoble é de titularidade municipal, polo que agora será o Concello o que busque novos destinos para o mesmo.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira manifesta “temos a sorte de contar cun Concello dinámico con multitude de iniciativas sociais, culturais e deportivas, polo que seguiremos a buscar novas alternativas e novos espazos para que esta riqueza da nosa vila poida seguir a ser unha realidade”.