Redacción 02/09/2020

A alcaldesa visita hoxe os centros do municipio despois das xuntanzas mantidas onte con representantes das escolas e das asociacións de nais e pais. A Policía local vixiará o cumprimento das medidas de seguranza cando os estudantes sexan levados e recollidos nos centros e o servizo de emerxencias colaborará coa empresa adxudicataria na limpeza, segundo o protocolo do Concello.

 

Onte pola tarde as representantes municipais Arévalo e Cebreiro mantiveron unha xuntanza coas ANPAS das Escolas Infantís da Galiña Azul mosenses  de Porteliña, Cototorrón e Veigadaña, e coas directoras dos centros, para informar de todas e cada unha das medidas e decisións adoptadas no ámbito das escolas infantís con motivo do inicio do curso: desde labores de limpeza e desinfección de patios e zonas exteriores, ata presencia de Protección Civil, vixiancia da Policía Local, protocolos de prevención, etc.

Ademais deuse conta tamén dos traballos de mantemento e mellora levados a cabo nos edificios durante o verán de cara á súa reapertura de portas agora en setembro. Tomaron nota das aportacións dos representantes das tres Asociacións de Nais e Pais e direccións dos centros e adquiriuse o firme compromiso do diálogo e comunicación constantes e do fluxo mutuo de recíproca información relativa aos avances, cambios, medidas ou problemas que vaian surxindo diariamente ao tratarse dun curso excepcionalmente complicado, singular e incerto por mor da COVID-19.

Tamén onte pola tarde reuníanse coas ANPAS dos colexios de Educación Infantil e Primaria de Mos: Petelos, Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Mestre Valverde Mayo (Sanguiñeda) e Atín-Cela, co mesmo obxectivo e contido que a anterior, pero referidos aos casos concretos dos 5 CEIPs públicos do Concello de Mos. Igual que na xuntanza previa, os representantes municipais deron conta do protocolo elaborado para estar preparados e potenciar as medidas de prevención nos colexios.

O devandito protocolo inclúe, entre outras moitas medidas, a vixiancia por parte dos oito axentes da Policía Local de Mos de colexios, nos momentos nos que os pais acoden a deixar e recoller aos cativos, as directrices a seguir tanto polo persoal como polos usuarios das instalacións, a desinfección exterior das mesmas coordinada entre a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza e o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. O Concello tamén informou, ao igual que no caso das Escolas Infantís, dos traballos de mantemento e mellora levados a cabo durante a tempada estival nestes centros educativos. A rexedora local mosense quixo agradecerlle ás ANPAs dos colexios que tomasen a decisión, en consenso co Concello e coa dirección dos centros, de manter durante o novo curso os servizos de Comedor Escolar e Aula Madruga.

Por outra banda decidiuse suspender a organización das actividades extraescolares. A alcaldesa salientou que a folla de ruta do protocolo anti COVID-19 municipal en materia de educación foi deseñado co obxectivo de apoiar, complementar e reforzar o establecido pola Xunta de Galicia, administración que ostenta as competencias na área educativa. Por último informouse de que a vindeira semana os técnicos municipais especializados na COVID-19, o Secretario Municipal, Víctor Rodríguez, e a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais, Tatiana Iglesias, farán unha visita aos comedores escolares dos centros educativos, xunto coa empresa de catering e membros da dirección e ANPAs dos colexios, para supervisar que todo se atope en perfectas condicións cumprindo con todos os protocolos sanitarios e medidas de seguridade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad