Redacción 02/09/2020

A edición máis limitada de Cans comeza coa homenaxe a Chano Piñeiro e a exhibición das curtas dos autores máis novos.

Cinco curtametraxes compiten na sección “Novas Camadas”. O documental “A canteira de Cans”, que se estrea na Noite dos Veciños, recupera a memoria da extracción de pedra na zona.

Coa inauguración da rúa efémera Chano Piñeiro comeza ás 10.30 horas de hoxe mércores a primeira xornada da décimo sétima edición do Festival de Cans. O certame estará este ano marcado pola redución de aforos e máis as esixentes medidas de prevención para garantir a seguridade dos veciños, o público, e o esquipo do Festival. Entre a mañá deste mércores, 2 de agosto, e a noite do vindeiro sábado, día 6, pasarán por Cans 25 curtametraxes e 15 videoclips a concurso. Ademais, proxectaranse 3 longametraxes e haberá coloquios e encontros con profesionais do sector audiovisual e do cinema coma Óliver Laxe, Paula Cons, ou a actriz revelación do último ano, a galega Benedicta Sánchez.

Na inauguración da rúa efémera Chano Piñeiro participarán a actriz Uxía Blanco, quen lle deu vida na pantalla á inmortal ‘Xonxa’, e a viúva de Chano, Mari Luz Montes. Tamén estará presente, en representación da Xunta de Galicia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A Xunta apoia o Festival de Cans a través de Agadic e do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Coloquio e clase maestra

Logo, ás 11 horas, celebrarse no Baixo de Carlos  o coloquio “Chano Piñeiro, descubridor de actrices e actores”. Participan Uxía Blanco, Mari Luz Montes; e máis o actor Miquel Insua, quen protagonizara a “Birutas” en Sempre Xonxa. A participación de Insua  será por video-conferencia. Evítase deste xeito o seu desprazamento na política de redución total de viaxes posta en marcha polo Festival entre as súas medidas de prevención de riscos asociados á Covid19. O coloquio modérao a xornalista e guionista Ana Cermeño e será ás 11AM no Baixo de Carlos.  O aforo é moi reducido: só poderán acceder 25 persoas que tiveron que inscribirse nos últimos a través da páxina web do Festival.

Con esta actividade inícianse os Encontros AISGE, promovidos pola Fundación homónima, que traballa na defensa dos dereitos de actrices e actores e na visibilización dos seus retos coma colectivo.

Despois do coloquio proxectarase o filme de Chano Piñeiro Mamasunción, nun pase antecedido pola intervención de Pedro Sancho. quen desenvolveu un proxecto académico de investigación titulado “Chano Piñeiro. Do guión literario á imaxe audiovisual. O proceso de creación e produción da súa obra audiovisual a través da curtametraxe Mamasunción”. Sancho prepara un libro sobre a película a partir deste traballo.

Inmediatamente despois –ás 12.30 horas, tamén no Baixo de Carlos- chega a masterclass “Subtitulado e accesibilidade”. Nela, o profesor Pablo Romero-Fresco e o cineasta Alfonso Zarauza ofrecerán novas lecturas sobre o proceso do subtitulado. Farano a partir do caso da última cinta de Zarauza, Ons. O equipo da película planificou o subtitulado cando deseñou a rodaxe. Zarauza contará a experiencia. O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, actúa coma moderador.

Novas Camadas e Noite dos Veciños

Na tarde comeza a sección oficial do Festival, a competición entre as curtametraxes. E comeza polos autores e autoras máis novas, os que participan na sección Novas Camadas, que este ano por primeira vez outorga o Premio Deleite. Ás 16.30h, representantes das curtas a concurso en Novas Camadas participarán nun encontro público no Parque do Río. Unha hora despois -17.30 horas-, exhíbense as cinco películas a concurso. Dúas delas son estreas absolutas.

Coa descuberta do traxe do Can -20 horas, rotonda do Can-, comeza o prmeiro serán do Festival de Cans 2020. Precederá á colocación da distinción, no Muro do Chimpíns, coa que o Festival de Cans homeaxea este ano á veciña e enfermeira Merchi Sánchez -20.30 horas-. Con esta distinción, ponse en valor o traballo de Sánchez, quen ideou a creación, hai xa 8 anos, do servizo médico do Festival, Traballa coma voluntaria nun equipo que ela organiza e coordena cada ano sen aforrar esforzos nin compromiso. 

A homeaxe dará paso a unha das actividades desta edición do certame máis esperadas na aldea: a Noite dos Veciños coa presentación do documental A Canteira de Cans. Será no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río a partir das 21 horas.

Coordinado por Juanma Lodo, do proxecto Cans 303, o documental recupera a memoria da canteira de Cans, un lugar esquecido do que non queda máis que un buraco no monte na zona coñecida como “A Pedreira”. Nel participan veciños e veciñas que contan o que recordan, o que saben, ou o que viviron, da antiga instalación.

Trala exhibición do documental presentarase o xurado das veciñas e os veciños e comezará a  actuación do grupo AcordeCans. O Espazo Estrella Galicia da Leira do Río incorpórase dende este ano ao Festival. Dada a súa extensión, permitirá reunir ata a 300 persoas ao aire libre mantendo as necesarias medidas de seguridade. Todas as persoas deberán levar mascarilla todo o tempo e deberán desinfectar as súas mans na entrada. Ademais, só poden entrar as persoas que previamente se rexistraron

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad