Redacción 01/09/2020

Retómanse como preparación ante posibles rebrotes e para poñer en marcha o protocolo de prevención deseñado para todas as instalacións que reabren este mes e que permanecían pechadas desde marzo.

 

Tras a última Comisión de Seguemento celebrada o pasado 17 de xuño, esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a 17ª Comisión de Seguemento da Evolución da COVID-19 en Mos coa que se reanudou a celebración periódica desta Comisión de Seguemento, na que se analiza e se establecen estratexias de seguridade, protección e prevención ante o virus.

A Comisión que hoxe se retomou tivo por obxectivo tratar as medidas necesarias fronte a novos focos e sobre todo poñer en marcha o protocolo de prevención que deseñado para todas as instalacións que reabren este mes e que permanecían pechadas desde marzo, tales como as Escolas Infantís, os colexios, campos de fútbol, Piscina Municipal e pavillóns.

O devandito protocolo incluirá, entre outras moitas medidas, a vixiancia por parte dos oito axentes da Policía Local de Mos de colexios, Escolas Infantís, Instituto, campos de fútbol e pavillóns; as directrices a seguir tanto polo persoal como polos usuarios das instalacións, a desinfección exterior das mesmas coordinada entre a empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza e o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, etc.

Para informar aos colectivos interesados respecto das novidades, medidas, e datas de reapertura, iniciouse unha nova ronda de reunións entre o equipo de goberno, técnicos municipais e membros do tecido asociativo mosense. Precisamente esta tarde terán lugar dúas destas xuntanzas nas dependencias da Axencia de Colocación de Mos, coas ANPAS das Escolas Infantís e, a continuación, coas ANPAS dos CEIPs. Durante os próximos días iranse celebrando novas reunións como a que se manterá cos clubes deportivos que fan uso dos pavillóns municipais, etc.

Ademais durante a Comisión de Seguemento desta mañá abordouse tamén a inminente reanudación da entrega de alimentos de Mos Axuda con motivo da COVID-19, habendo prevista unha próxima entrega este mesmo mes de setembro; e do servizo de apoio por parte de Emerxencias e Protección Civil aos fogares con algún membro contaxiado mediante a realización da compra no supermercado e farmacia, desinfeccións, traslado á realización das pertinentes probas médicas, revisións… etc. Ademais continúa en activo o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) Temporal Extraordinario posto en marcha como reforzo ante a pandemia e que en ningún momento se interrompeu desde a súa posta en marcha. Este SAF extraordinario continuará de momento, polo menos ata finais de ano.

A data prevista para a reapertura dos Campos de Fútbol Municipais de Cototorrón e As Baloutas, dos Pavillóns Municipais e da Piscina Municipal sita no Pavillóns Óscar Pereiro é o 14 de setembro. O resto das instalacións do Pavillón Óscar Pereiro está previsto que abran as súa portas ao público o 15 de outubro.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad