Redacción 01/09/2020

Este ano, o programa combinará as modalidades de Aquagym e Ximnasia de mantemento.

 

O programa municipal “Exercítate”, dirixido ás persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos, retomarase en setembro con novos protocolos sanitarios. Os cursos dividiranse en dous grupos reducidos que terán clase dous días á semana: martes e xoves, o mércores e venres. As clases de aquagym terán lugar eses días de 11:45 h a 12:45, e as sesións de ximnasia de mantenemento serán de 11:00h a 12:00h.

As inscricións poderán realizarse a partir de hoxe na Piscina Municipal ou preferentemente no teléfono 986 33 40 70. As admisións serán por rigorosa orde de inscrición valorando sempre que todos os usuarios poidan participar nalgunha actividade. A data de comezo será o 1 de outubro para o curso de aquagym e 12 de outubro para ximnasia de mantemento. O proxecto  “Exercítate” está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

Sobre este programa a Concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; declarou hoxe que “despois de tantos meses sen actividade, os nosos maiores teñen moitas ganas de comezar xa que a actividade física é moi beneficiosa para a súa saúde, sobre todo practicándoa con regularidade”.  Con este programa o Concello persegue conseguir o mantemento da independencia funcional dos beneficiarios necesaria para o desenvolvemento das actividades de vida diaria básicas. Axuda tamén a previr enfermidades crónico-dexenerativas e a aparición dunha serie de limitacións que aínda que non constitúan secuelas dunha enfermidade impiden ou limitan a realización de moitas actividades. Do mesmo modo a actividade mental aporta incontables beneficios para a terceira idade, fomenta o envellecemento activo, retrasa a situación de dependencia e mellora a autoestima. 

Con todo isto, o proxecto “Exercítate” proporciona ás persoas maiores uns efectos beneficiosos, que axudan a previr o envellecemento do cerebro e con el as enfermidades que teñen que ver coa perda da memoria (demencia, Alzheimer, etc.), e de mantemento, rehabilitadores, psicolóxicos, en canto desenvolve un espírito de superación importante que inflúe en todos os ámbitos de vida cotiás, á vez que axuda a combater o estrés, a ansiedade e a depresión e distrae e evade das preocupacións; e sociais, posto que favorece o traballo en equipo e desenvolve o espírito de compañeirismo.

O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as  actividades máis amenas, etc.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad