O crecente interese na compostaxe por parte da veciñanza mosense é motivo de satisfacción no departamento de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos.
O Concello de Mos informou esta semana que xa foron repartidos un total de 100 composteiros en vivendas de Mos no que vai de ano 2020. Deles, 40 foron entregados entre xaneiro e xullo e os 60 restantes en tan só unha semana, desde que o pasado 12 de agosto se anunciara que non había lista de espera de demandantes de composteiros e que os veciños e veciñas que estiveran interesados en contar con un nos seus domicilios podían facelo, xa que había unidades dispoñibles. Desde ese día entraron a través do Rexistro municipal un total de 60 novas solicitudes que se foron entregando progresivamente ao longo desta última semana.
Ante o que semella un verdadeiro ‘boom’ da compostaxe en Mos, o concelleiro de Medio Ambiente sostible mosense, Leo Costas, declarou neste sentido sentirse “moi satisfeito do interese, a implicación e a concienciación cidadá neste senso” e salientou que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que comprobamos que xa está moi arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra. Non hai máis que remitirnos á cifra de 100 composteiros solicitados este ano, 60 deles na última semana”.
Estes composteiros sonlle concedidos ó Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuito. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.
O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.
Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos. É crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.
Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.
A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.
Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.
Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.