Redacción 21/08/2020

O festival misturará modernidade artística nun entorno 100% natural que reflexa a historia industrial galega

 

 

A alcaldesa Eva García presidiu hoxe a presentación en roda de prensa do primeiro Festival Sons da Canteira, que se celebrará no Porriño o sábado 29 de agosto. Un evento artístico que recolle unha varíada mostra da música contemporánea galega nun entorno natural, unha canteira en restauración en Vilafría -na parroquia porriñesa de Atios- que semella un anfiteatro de pedra. “Un escenario espectacular que funde a modernidade da proposta musical co protagonismo na historia recente da industria galega que significan as canteiras do Porriño”, segundo definiu a alcaldesa.

A concelleira de Cultura, Cami Moreira, como responsable da organización deste evento que patrocina o Concello a través do seu departamento, lembrou que hai un precedente, en 1994, dun concerto nunha  canteira no Porriño, a cargo de “Milladoiro” que se chamou “O son da pedra” -ao que Cami asistiu- e lembrou “quedei abraiada do escenario natural”.

A concelleira considera que estas iniciativas artísticas “poden dar unha visión e dimensión distinta destas explotacións industriais, ao tempo que damos a coñecer ao Porriño dun xeito moito máis lúdico, usando ese entorno natural”.

Neste primeiro “Sons da Canteira” haberá catro actuacións. Abrirá o artista multimedia Juanma LoDo e seguirán o grupo “Baiuca”, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Tamén colaborarán no festival catro compoñentes da Asociación “Os Penediños” de Atios.

No que atinxe ao cartaz do Festival, Adrián Fragueiro, de “Doppler Gestión Cultural”, promotor de “Sons da Canteira”, sinalou que “constitúe unha radiografía de parte do panorama musical galego con xente moi nova que se vai comer o mundo coma Laura Lamontagne e Pico Amperio; artistas que xa amosaron que o folk galego e a electrónica casan como poucas cousas como é Baiuca e, finalmente, a experiencia e recoñecidísima traxectoria dunha auténtica eminencia da música dende principios deste século coma é Mercedes Peón”.

Fragueiro tamén valorou a participación de Juanma Lodo “nado a poucos metros da canteira, que nos sorprenderá cun espectáculo especialmente preparado para a ocasión, e que ademais, como membro do equipo de producción, será o responsable das proxeccións e videomapping ao longo das sete horas do festival”, engadiu.

A alcaldesa, que pechou a roda de prensa, manifestouse “moi emocionada pola proposta que coido vai ser unha experiencia fantástica”.  Eva García apelou finalmente “á responsabilidade de todos os que acudan para que observen as medidas de seguridade anti-Covid”.

O aforo estará restrinxido a 500 cadeiras. As localidades deben mercarse a través da taquilla electrónica habilitada e co prezo inclue o traslado dos espectadores ata a canteira que se realizará en autobuses que sairán dende a Avenida de Galicia. As localidades están á venda na páxina web www.woutick.es e esta mañá xa se tiñan vendido o 80% das entradas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad