A Corporación municipal esixíu a nova responsable da recollida do lixo que subrogue aos traballadores da empresa anterior do servizo
A empresa “Narom S.L.” que se fixo cargo dende o pasado luns 17 da recollida do lixo no Porriño, subrogará aos traballadores que prestaban este servizo coa anterior empresa, “Ascan”.
Este foi o compromiso acadado hoxe xoves, despois dunha reunión mantida polo goberno municipal co empresario. Encontro que presidiu a alcaldesa Eva García e no que participaron tamén o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira, e o concelleiro delegado de Limpeza e Medio Ambiente, Sergio Casal.
A continuación, tanto Eva García como Sergio Casal comunicaron o acordo acadado aos traballadores e ás representacións sindicais de CIG e UXT.
Os sete traballadores do servizo iniciaran onte concentracións de protesta diante do Concello, para reclamar a subrogación que hoxe remataron nada máis coñecerse o acordo.
A alcaldesa explicou que “a pesares de que o contrato non puido ser licitado aínda, prevalece o establecido no Estatuto dos Traballadores que garante o dereito á subrogación. Polo tanto a empresa que se fai cargo agora da recollida do lixo manterá a plantilla preexistente segundo esiximos”, manifestou Eva García. A rexidora lembrou que “dende a Alcaldía sempre amosamos unha postura inflexible a favor de que os traballadores tiñan que ser subrogados, a pesares de que estamos ante un contrato que aínda non se licitou pola súa complexidade e dificultades legais que xurdiron”.