O Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos impartiu o curso para obter a certificación que habilita para pilotar estas aeronaves, da que os alumnos xa se examinaron e todos resultaron aprobados.
O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, inclúe algunhas propostas de carácter innovador e, neste sentido, uns dos elementos máis novidosos surxidos nos últimos anos e incorporados de xeito profesionalizado á sociedade son os drons. Foi tal a velocidade á que os drons se introduciron na actividade social que as propias administracións públicas se viron na necesidade de regular a súa comercialización e utilización nun tempo récord. No 2014 apareceu a primeira regulación en España, e apenas cinco anos despois, a Unión Europea aprobaba dúas normas para harmonizar, a nivel da Unión, as distintas regulacións nacionais. Segundo o Concello, desde o punto de vista do emprego, a crecente normalización do uso dos drons ofrece unha gran oportunidade para crear postos de traballo moi especializados e de alto valor engadido.
Actualmente, estes profesionais acceden á pilotaxe a través dun certificado avanzado como o que realizaron os alumnos que participaron no curso que habilita para a pilotaxe de aeronaves de distintas configuracións e tipos, con toda a complexidade que iso pode supoñer. O Concello pretende mellorar a empregabilidade destes alumnos, todos eles veciños do municipio de Mos.
O curso, impartido pola empresa mosense Lusant Formación, tivo 120 horas de duración e, ademais da parte teórica, os alumnos realizaron prácticas de voo real. O exame para obter a certificación xa se celebrou tamén, sendo superado moi satisfactoriamente por todos os alumnos. Participaron no curso cinco mulleres e un home, con diferente formación académica e experiencia profesional. A idade media do alumnado é de 35 anos e os participantes teñen un perfil variado, mas na maioría dos casos con formación profesional nas ramas técnicas como arquitectura técnica, delineación, fotografía, informática, auxiliar administrativo, xestión forestal e educación ambiental.