Redacción 18/08/2020

A nova empresa -Narom- escúsase na inexistencia de contrato co Goberno local para non asumir os traballador@s

O concelleiro Sergio Casal indicou que os medios técnicos para os plegos da licitación da recollida de lixo non chegaron ata estos días e ao tratarse dun servicio esencial nos se pudo agardar ao concurso

 

A federación de Servizos da CIG anunciou hoxe que porá en marcha unha campaña de protestas no caso de que o persoal da recollida do lixo do Concello do Porriño non sexa subrogado pola empresa que se vén de facer cargo do servizo. Dende a central denuncian que a compañía escúsase na inexistencia de contrato co Goberno local para non asumir os traballador@s, polo que non descartan iniciar tamén as accións xudiciais oportunas.

O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembra que os pasados días 3 de xuño e 5 de agosto mantiveron unha xuntanza co Concello para abordar tanto as irregularidades que a anterior empresa -Ascán Servicios Urbanos- estaba a cometer cos traballador@s como as informacións recollidas polos medios ao respecto da posíbel adxudicación do servizo a outra compañía. “Neses encontros deixamos moi claro que todo o persoal ten dereito a subrogación, segundo establece o artigo 50 do convenio colectivo e o artigo 44 do Estatuto dos Traballadores”, explica Pérez.

Finalmente, o Concello comunícalle a Ascán que prescinde do servizo a partir do pasado domingo, pero os oito empregad@s non son informad@s e onte preséntáronse a traballar ás 6:00 h. Para a súa sorpresa, o encargado dilles que “non saian cos camións a facer a recollida”; máis tarde entéranse de que hai outra empresa -Narom SL- que se fixo cargo do servizo. Entón póñense en contacto con Ascán e son citados nas oficinas, onde lles entregan unha carta de subrogación. Pola tarde entregan un escrito en Narom conforme son persoal subrogado, “mais non llo recollen e optan por envialo por correo e por fax”.

Pero hoxe cando se presentan nas instalacións de Narom comunícanlles que “non se fan responsábeis e non os van subrogar porque non teñen subscrito un contrato co Concello”. Efectivamente, dende a CIG constatan que “non existe contrato entre o Goberno local e Narom, como tampouco o había coa anterior empresa, que prestaba servizo dende febreiro de 2019. Mais isto non xustifica a non subrogación dos traballador@s, xa que é unha relación contractual entre empresa e Concello e non unha relación laboral co persoal asignado a este servizo”.

En consecuencia “os responsábeis municipais estarían a incorrer nunha irregularidade que poñeremos en coñecemento do Tribunal de Contas para que se aclare cal é o concepto polo que se lles abonan as facturas a estas empresas”. Ao mesmo tempo, Pérez indica que  “puxémonos en contacto co Concello esixindo a subrogación do persoal, xa que en caso contrario tomaremos as medidas oportunas, tanto xudiciais como de acción sindical, comezando por unha campaña de mobilizacións diante do Concello que arrancaría este mesmo mércores”.

Consultado o concelleiro de Limpezas, Sergio Casal, recoñeceu a falla de contratos e argumentou que “ASCAN xa levaba prestando servizo para o Concello do Porriño cando él entrou no Goberno Local, e cando a empresa entrou a pestar o servizo do lixo xa sabía as condicións nas que o collía”. Así mesmo explica que “o precio de ASCAN era superior ao ofertado por Narom por iso se cambiou, pero como é un servicio esencial para O Porriño e os medios técnicos para os plegos da licitación non chegaron ata estos días, non puideron facelo de outra forma, polo que se sacará a concurso para as empresas nos próximos días coa publicación en Contratos de Galicia”.   

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad