Solicitude íntegra enviada á Consellería de Sanidade e ao Servicio Galego de Saúde en relación á situación que se está a vivir no centro de saúde de Salceda
Mª Dolores Castiñeira Alén, Alcaldesa-Presidenta do Concello de Salceda de Caselas
EXPÓN
Nas últimas semanas estamos a recibir multitude de queixas dos veciños e veciñas do noso municipio pola dificultade que se está a producir para recibir atención no centro de saúde. Lévanse producido situacións de ter realizado máis de 15 chamadas ao centro de saúde sen que ninguén responda, e cando o veciño ou veciña ante esta situación se achega ata o edificio para conseguir unha cita tampouco lle dan esa opción, comunicándolles que as citas tan só se poden dar a través de chamada telefónica. Isto estase a producir tamén naqueles casos en que o/a paciente sae dunha consulta presencial e se achega ao mostrador para pedir unha cita, negándoselle esa cita e obrigando á persoa a chamar por teléfono para solicitala, chamada que logo, como vimos de expoñer, non se responde.
A isto súmase que as persoas que por fin conseguen que lles establezan unha cita se atopan con que a primeira cita se está a dar con máis de 15 días de retraso, o que perde todo sentido cando estamos a falar de atención primaria. Como consecuencia desta situación son moitos os veciños e veciñas que acoden ao servizo de urxencias do PAC do Porriño ou que se presentan directamente no Hospital Álvaro Cunqueiro, co consecuente colapso dos servizos de urxencias en cuestións que a priori dependen da atención primaria.
Ante esta situación son numerosas as reclamacións trasladadas a este Concello. Esta Alcaldesa considera especialmente grave e moi preocupante que nun momento de pandemia como o que estamos a vivir neste momento resulte practicamente imposible acceder á atención primaria, que debería estar máis cerca que nunca da veciñanza.
Por todo o exposto
SOLICITA
Se tomen medidas para corrixir a situación moi deficitaria que se está a dar no servizo de atención primaria no Concello de Salceda de Caselas, co reforzo de persoal administrativo e de liñas telefónicas, de xeito que se garanta unha correcta atención á nosa veciñanza.