A Escola de Música de Torroso e a Banda Xuvenil reúnense co Concello para tratar a apertura do curso
Representantes do Concello de Mos, da Escola Municipal de Música e da Banda de Música Xuvenil de Torroso reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello de cara á preparación do inicio do vindeiro curso no mes de setembro con todas as medidas de seguridade sanitaria. Aproveitaron para asinar os convenios de colaboración anuais.
A Escola de Música e o Conservatorio Profesional de Torroso abrirán de novo as súas portas ao alumnado adaptándose ás novas e excepcionais circunstancias que estamos a vivir. Con obxectivo de tratar este asunto celebrouse unha xuntanza esta mañá con representantes do Concello na que se abordaron as medidas de seguridade que incorporará o novo protocolo educativo que se porá en marcha no Centro Dotacional de Torroso a partir do próximo mes de setembro, co inicio do novo curso.
Por outra banda, durante a reunión celebrada hoxe no Concello, aproveitouse tamén para asinar sendos convenios de colaboración que se veñen asinando de xeito periódico anualmente, co Centro Cultural e Recreativo de Torroso para o funcionamento da Escola de Música e coa Banda de Música Xuvenil de Torroso. Ambos convenios foron asinados por Iván Rey Grandal, en calidade de presidente de ambas entidades, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
O convenio coa Banda está dotado dunha contía económica de 12.000 euros e o da Escola de Música Municipal recibe unha aportación de 45.000 euros. Polo que Torroso recibe un total de 57.000 euros en concepto de axudas municipais co obxectivo de seguir apoiando á musica, un dos principais elementos identificadores desta parroquia mosense. Durante a sinatura dos convenios Iván Rey Grandal estivo acompañado polo presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e polo vicepresidente do Centro Cultural e Recreativo de Torroso, Rubén García Ferreira.