Os interesados poden solicitar o seu COIN por correo electrónico ou rexistro de entrada
Un centenar de veciños e veciñas de Tui contan xa nos seus domicilios cun composteiro individual, COIN, distribuído polo concello de Tui nos últimos meses. O pasado venres dez persoas recibiron o seu composteiro tras asistir á charla sobre a compostaxe que impartiu a mestra composteira municipal. Estas persoas tiñan presentado previamente a solicitude dun COIN para a súa vivenda.
Coa distribución de composteiros individuais o Concello de Tui aposta pola reciclaxe, e neste caso concreto pola redución da fracción do lixo que vai ao contedor verde.
A mestra composteira realiza ao longo do ano un seguimento de cada un dos composteiros entregados, para comprobar que se está a realizar o proceso de xeito correcto. Ao tempo resolve aos veciños e veciñas calquera dúbida que lles poida xurdir na utilización do COIN.
As persoas que desexen contar cun composteiro individual nos seus domicilios poden presentar a solicitude, no modelo accesible en tui.gal, a través do correo compostaxe@tui.gal, por rexistro de entrada na casa do concello ou na sede electrónica.
Amais dos composteiros individuais cómpre lembrar que en Tui hai tres composteiros comunitarios situados na rúa Compostela, no Camiño do Parador e no aparcamento municipal.