O pasado mes de xuño empezaron as execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.
Para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foran limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. Comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se formulen a este respecto.
Porén o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou hoxe para apelar á calma dos veciños denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan un tempo. Así mesmo informou de que nestes momentos atópase en marcha o procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participe na execución subsidiaria destas limpezas, proceso ao que xa se presentaron dous orzamentos candidatos.
Ademais a rexedora local mosense e o edil de Medio Ambiente quixeron agradecerlle a Rodrigo Iglesias e a todo o seu equipo do Servizo Municipal de Emerxencias todo o traballo realizado tanto na redacción como na posta en marcha do Plan, xa que “sen a súa total colaboración e entrega non tería sido posible o feito de que unha vez máis, neste caso en materia de prevención de incendios forestais, Mos estea á cabeza dos municipios da provincia de Pontevedra”, declararon.
Detalles do Plan
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Mos ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa. O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Planes de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.
Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deben proceder á súa limpeza. Deste xeito se debe dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos no plan de prevención ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa e requirindo en caso contrario por parte do Concello o seu cumprimento, podendo contratar no seu caso a xestión co SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos, S.A.) da Xunta de Galicia. En caso de incumprimento executarase de forma subsidiaria con repercusión dos costes ás persoas responsables e coa imposición das sancións correspondentes.
O contido do Plan inclúe a delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico, descrición e análise dos montes e das paisaxes existentes neste territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias; ademais de aspectos xurídico-administrativos e características socioeconómicas. Tamén a zonificación por usos e vocación do territorio, obxectivos, compatibilidades e prioridades; planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico-forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes. Tamén se estabelece o marco no que se poderán subscribir acordos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes e as directrices para a súa ordenación e aproveitamento garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva.
Tal como explicaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.