Cinema, música e maxia estarán presentes esta semana na programación “Volvemos á rúa” en Tui
As Leilía ofrecerán un concerto conmemorativo do seu 30 aniversario o domingo
Unha das novidades deste verán é o autocine. A primeira proxección será este venres ás 22.30 h coa película “Grease”. Esta mañá abriuse a reserva de entradas, pero debido a un problema técnico tivo que paralizarse e volverá activarse este mércores ás 12 h, co número de prazas que quedan dispoñibles. A reserva realizarase para un coche e até un máximo de catro ocupantes, dos que se deberá facilitar os datos de contacto. O autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, emprazada diante da fachada posterior da Área Panorámica, e o son difundirase a través dunha canle de FM, que se deberá sintonizar na radio do coche. “Grease” foi rodada en 1978 baixo a dirección de Randal Kleiser. Está ambientada nos anos 50, e conta a historia de amor entre Danny Zuko e Sandy Olsson.
O domingo ás 22.30 h a rúa Compostela acollerá o concerto “Cantarelas” de Leilía. Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez celebran os seus trinta anos interpretando algúns do seus temas máis emblemáticos con outros menos coñecidos, cun percorrido polas distintas sonoridades do grupo. Poderán asistir ao concerto 300 persoas sentadas e 150 persoas de pé.
Previamente o mércores, ás 21 h, na Praza de San Fernando a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá o seu segundo concerto deste verán baixo a dirección de Eloy Carrera Bernárdez. O aforo está limitado a 100 persoas.
A maxia chegará o xoves, ás 21 h, ao Paseo da Corredoira con Dani García e o seu espectáculo “Don Gelati”, do que poderán gozar 100 persoas. Achéganos a un curioso vendedor de xeados, Don Gelati, que chega á praza principal do pobo, pero sofre constantes infortunios co seu carriño que terá que solucionar rapidamente.
As entradas para estes espectáculos poden reservarse de forma gratuíta en enterticket.es até o día do evento ás 12 h, salvo no caso do autocine que volverán activarse o mércores ás 12 h. En cada unha destas citas hai establecido un protocolo COVID19 que se pode consultar en tui.gal.
Amais, o sábado, ás 21h fará un pasarrúas a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos dentro de “Música na rúa”.