A sentenza, redactada en español, estima que non cabe recurso contencioso-administrativo contra unha Resolución da Xunta en resposta ao profesor na que se lle lembraban as disposicións en vigor sobre o emprego do galego no ensino. Tamén foi interposto un recurso indirecto contra tales disposicións, nomeadamente, o artigo 3 do Decreto 79/2010. O xuíz lembra que tal artigo xa fora xulgado legal polo TXSG en 2012.
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo rexeitou a demanda interposta por un profesor do Conservatorio Profesional de Música da cidade contra a resposta que lle dera a Consellería de Educación sobre a necesidade de empregar de maneira xeral o idioma galego en calquera escrito relativo ao seu desempeño profesional no centro, dependente da Xunta. O recorrente solicitaba á Administración autonómica que lle recoñecese explícitamente “o dereito para utilizar indistintamente o castelán ou o galego na redacción de todo tipo de documentos relacionados co exercicio da función docente”.
O xuíz destaca na sentenza que as contestacións ás consultas que se efectúen á Administración “teñen carácter de mera información e non xeran acto administrativo recurrible de ningún tipo”, polo que a demanda foi rexeitada. “A resposta a consultas que se formulen ante a Administración, salvo que expresamente se lles outorgue carácter vinculante ou decisorio, non resultan impugnables, nin en vía administrativa, nin ante a xurisdición”, insiste o maxistrado na resolución, na que lembra que as solicitudes de información requiridas polo demandante á Xunta foron “puntualmente respondidas, tanto verbalmente como por escrito”.
A sentenza lembra tamén que a lexislación impón aos poderes públicos o deber de impulsar a normalización do emprego do galego en todos os ámbitos da vida social e que as normas en vigor que atinguen a esta materia non supoñen unha discriminación efectiva. A xurisprudencia do Tribunal Constitucional, da mesma maneira que unha sentenza do TSXG do 2012, validan neste sentido o rexeitamento do recurso indirecto do demandante contra o artigo 3 do Decreto 79/2010, que fudamenta a Resolución da Consellería.