Redacción 01/07/2020

O auto contra o que se presentou recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por parte dos implicados trataba uns supostos subornos enmarcados na trama de corrupción na adxudicación de obra pública, nos que se incluía o “pago de prostitutas”. A decisión revalida tamén as escoitas telefónicas e as conseguintes dilixencias.

 

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou os recursos presentados contra o auto da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, no que non acolle as cuestións previas presentadas polas defensas de dous presuntos implicados nunha das pezas da coñecida como operación Patos. En concreto, na relativa a supostos subornos a un funcionario do Concello de Vigo.

O Superior indica na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, que no auto apelado se detalla, “de maneira exemplar”, que dentro dunha investigación sobre a emisión de facturas coa finalidade de xustificar pagamentos e cotas de IVE repercutidos sen responder á realización de servizos, unha persoa declarou que un empresario “tiña a función de conseguir concursos municipais, co consecuente pagamento de cantidades de cartos a políticos locais e provinciais”. Polo tanto, tal e como indica o auto recorrido, “non se está ante unha imputación xenérica, senón ante feitos concretos, polo que as dilixencias teñen por obxecto determinar se o investigado e a súa empresa pagaban subornos a funcionarios públicos a cambio da irregular adxudicación de obras”.

“Para o auto apelado, atopábase perfectamente xustificada a declaración de que as dilixencias eran secretas e ningunha vaguedade ou inconcreción se antolla e, ademais, esas circunstancias atopábanse perfectamente relacionadas co obxecto de investigación inicial, pois o pago daqueles subornos traería causa da obtención de diñeiro negro mediante a facturación falsa”, salienta o TSXG. Os maxistrados recalcan que non hai “indicio algún de que se realizara unha investigación xeral ou prospectiva”. Ademais, avalan a intervención das comunicacións. 

Os xuíces do Superior aseguran que “non se pode entender que se vulnerase o dereito de defensa dos acusados, que se visen sometidos a unha investigación prospectiva ou que as dilixencias esixisen unha remisión a repartición por tratarse de achados casuais”. En canto a petición de declaración de nulidade das escoitas telefónicas e de dilixencias posteriores por vulneración dos dereitos fundamentais, o alto tribunal galego lembra que esas cuestións “xa foron resoltas”, tanto polo xulgado de instrución como pola Audiencia Provincial

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad