Trala polémica desatada onte pola corporación socialista de Mos ao denunciar presións do goberno de Nidia Arévalo aos sindicatos e traballadores de servizos sociais, o Concello sae en defensa da súa xestión do departamento e exixe unha rectificación a Victoria Alonso.
Facendo balance do traballo dos Servizos Sociais mosenses durante a crise sanitaria, o Concello salienta que as demandas de atención aumentaron un 30 %. Segundo informa o goberno local, durante a situación de alarma sanitaria detectouse un incremento importante nas demandas, pois as chamadas diarias o departamento oscilaban entre 25 e 30 chamadas diarias, con diversa tipoloxía especialmente de necesidade económica e apoio na atención de maiores que non acoden a centro.
Ademais dos recursos existentes, saíron unha serie de axudas específicas pola situación COVID-19, como o Servizo de Axuda no Fogar temporal extraordinario, polo que se tramitaron 21 altas novas e que supuxo un incremento na axuda no fogar a 127 usuarios, así como no programa de alimentos pasando de 70 a 120 familias, ademais das novas axudas de alugueiros, bono coidado extraordinario para familias con nenos de ata 12 anos, ampliación do programa xantar na casa, bono coidado extraordinario á dependencia, bono alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, así coma a solicitude de diferentes subvencións a deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia para os concellos para atención das persoas en risco de exclusión prexudicadas polo impacto da crise do COVID-19.
Por outra parte, o Concello exixe á voceira socialista, Victoria Alonso, que “pida desculpas” ao departamento dos Servizos Sociais polas informacións difundidas en relación a unhas supostas presións e manobras para que dende Servizos Sociais non se informase á poboación sobre o Ingreso Mínimo Vital. A Conselleira de Política Social desminte esa información e asegura que o persoal do departamento informa á veciñanza sobre calquera tema que sexa preciso. A concelleira considera ademáis que as declaracións do Partido Socialista mostran un total descoñecemento do funcionamento do departamento, destacando que no período de un ano que levan na corporación, xamais visitaron dito departamento, contradicindo así o relato da voceira socialista. O Concello subliña o reforzo feito no servizo coa contratación dunha traballadora social en réxime de interinidade, o cal, tal como foi denunciado pola oposición en múltiples ocasións, supón un reforzamento inadecuado e insuficiente.
O goberno local asegura que o Ingreso Mínimo Vital é unha prestación estatal que fica fóra do ámbito dos Servizos Sociais, se ben as traballadoras deste departamento ofrecen axuda e asesoramento á veciñanza. Un acordo entre a Federación de Municipios e Provincias e o goberno, porén, recoñece aos Concellos maiores de 2.000 habitantes certas obrigas na tramitación burocrática das axudas.