Redacción 20/06/2020

A Xunta de Goberno aprobou as bases das subvencións para actividades deportivas e para as bolsas d@s deportistas DepoDAN e DepoPromesa

 

Carmela Silva subliñou a aposta polo deporte no que a institución leva investidos ata 3 millóns de euros no que vai de ano

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos, por valor de medio millón de euros, para o deporte da provincia coas bases das subvencións para a organización de actividades, e para optar ás bolsas d@s deportistas que xa teñen a marca provincial de alto nivel DepoDAN e DepoPromesa. A presidenta, Carmela Silva, sinalou que “estas axudas, sumadas ás destinadas ao deporte náutico, ao deporte de ámbito nacional, ao inferior a nacional e aos convenios cos clubs de alto nivel, supoñen 3 millóns de euros de investimentos para o deporte da provincia no que vai de ano”

 

No relativo ás bases para as axudas á organización de eventos deportivos, esta liña chega este ano con novidades pois estarán divididas en tres grupos. Así, Silva explicou que “haberá unha liña 1 para a organización de Campionatos do Mundo, de Europa ou de España; unha liña 2 para grandes eventos de relevancia na provincia, e unha liña 3 para pequenas actividades que dinamicen o deporte provincial”. As axudas serán maiores dependendo da relevancia do campionato ou evento, sendo a maior contía 30.000€. Carmela Silva subliñou que “como acontece en calquera das subvencións concederanse con criterios claros e realizarase un reparto xusto e equitativo”. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica e o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria e das bases no BOPPO.

 

O goberno provincial tamén aprobou as bases para a concesión das bolsas @s deportistas de alto nivel DepoDAN e DepoPromesa, establecendo as condicións, requisitos e procedementos para optar a estas axudas. A presidenta apuntou que “estas bolsas están pensadas para apoiar @s nos@s deportistas posibilitándolles a súa participación en competicións internacionais e nacionais durante o ano 2020”.

 

No pasado mes de abril a Deputación xa publicara a relación de deportistas que teñen recoñecida a marca provincial, que en concreto son este ano 259 (172 DepoDAN e 87 DepoPromesa). Agora abrirase un prazo de 15 días desde a publicación no BOPPO para que as persoas que estean nesa lista e que dispoñen da marca poidan solicitar a axuda.

 

Igual que na anterior edición, estas bolsas dividiranse en grupos segundo os resultados obtidos, así para @s deportistas DepoDAN concederáselle 2.000€ por podio en Campionato do Mundo, 1.250€ por podio no Europeo ou participación no Mundial, 900€ por podio no Campionato de España ou participación no Europeo e 500€ por podio no Campionato Galego ou participación no Campionato de España. En canto @s DepoPromesa corresponderalles 1.200€ por podio no Campionato do Mundo, 800€ por podio no Europeo ou participación no Mundial e 500€ por podio no Campionato de España ou participación no Europeo.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad