Redacción 18/06/2020

O vindeiro venres 19 de xuño rematará, ás 14 horas, o prazo de presentación de ofertas para adquirir algún dos 26 vehículos do parque móbil municipal que se retiraron no outono pasado e que saen en venda, mediante poxa.

 

 

As ofertas preséntanse en sobre pechado. As plicas abriranse nun acto público, que se convocará con antelación dabondo, e que terá lugar no Salón de Plenos do Concello, o día e hora establecida no “Perfil do contratante” (www.contratosdegalicia.gal) e/ou no taboleiro de editos do concello.

Con carácter previo, cincuenta persoas interesadas nos vehículos realizaron durante dous días da pasada semana, visitas de recoñecemento dos automóbiles, organizadas pola Policía Local e con cita previa. Acudiron as instalación do Multiusos de Torneiros, onde están almacenados os 26 vehículos.

O vehículo que suscitou maior interese é unha furgoneta Ford Transit, que empregaba a brigada de Parques e Xardíns. Matriculada en 2003, ten 326.000 quilómetros e ten un prezo de saída de 2.300 euros.

Entre os 26 vehículos que formaban parte do parque móbil municipal, cunha antigüidade media de 20 anos, figuran un “Volvo 580” comprado polo Concello do Porriño e matriculado en 2002 (con Xosé Manuel Barros de alcalde) que sairá cun prezo de partida de 2.200 €.

Hai diversas furgonetas C-15, Citroen Berlingo, Peugeot Partner con 23, 25 e 27 anos de uso. Tamén vehículos da Policía Local como un “Land Rover Freelander”, un “Nissan Almera” ou un “Peugeot 607” de 2.900 centímetros cúbicos, matriculado hai 17 anos que xa estaban fora de uso.  O vehículo que sae cun prezo de partida máis alto é un “Ssangyong Action” valorado en 5.800 euros.

Os vellos vehículos foron retirados o 8 de outubro de 2019, data na que se entregaron os 25 novos que se incorporaron ao parque móbil municipal mediante unha operación de “renting”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad