Os alumnos dos centros IES Ribeira do Louro, Pino Manso, IES de Mos, Colexio Lar e Colexio Los Sauces terán unha cita coa proba selectiva os días 7, 8 e 9 de xullo
O Polideportivo Municipal acollerá as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade -A.B.A.U.- de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos que se realizarán os días 7, 8 e 9 de xullo, en aplicación dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19.
Segundo o acordo acadado esta semana entre a Universidade de Vigo e o Concello do Porriño, realizarán no polideportivo porrriñés estas probas de acceso á Universidade os alumnos dos IES Ribeira do Louro e IES Pino Manso, do Porriño; así como os alumnos procedentes do IES de Mos e dos centros privados Colexio Lar e Colexio Los Sauces.
A edil porriñesa de Educación, Lourdes Moure, explicou que “se o número de alumnos inscritos para facer as probas da ABAU é de 200 estudantes, empregaríase tan só a pista do Pavillón 1. Se fosen máis, utilizaríase tamén a pista do Pavillón 2”.
Os pupitres e cadeiras serán trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxeto dun protocolo diario de desinfección e limpeza.
A Policía Local do Porriño tamén colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuito de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.