Redacción 18/06/2020

Os principais eixos do documento baséanse na ampliación do profesorado, ratios menores, distanciamento físico, alteración de espazos e medidas de protección e hixiene. O sindicato critica o desleixo e inmobilismo do goberno de Feijóo nesta materia, na que aínda non presentou ningunha proposta concreta nin protocolo.

 

Segundo o sindicato, esta parálise tácita da Xunta por motivos electorais agocha a intención de comezar as clases en setembro “como se non estiveramos nunha situación pandémica mundial” e de non realizar investimentos en reforzar o ensino público, como se extrae das palabras do propio presidente Núñez Feijóo que pediu destinar os fondos exclusivos para educación “a outros fins”. O sindicato insiste en que a xestión desta crise sanitaria evidenciou “o desprezo e a desvalorización do profesorado por parte das administracións” e avanza en que, de concretarse unha volta ás aulas como se nada pasara, o vindeiro curso estará marcado pola conflitividade.

A situación actual creada pola pandemia da COVID-19 e a improvisación coa que se actuou por parte das administracións educativas deixa ás claras a necesidade de realizar un traballo de planificación para o curso 2020/2021, que nestes intres tiña que estar xa avanzado, tanto no que respecta ás necesidades de dotación e de formación do profesorado como á organización dos centros educativos. O sindicato considera tamén que esta organización ten que centrarse na docencia e na seguridade e saúde laboral. Por este motivo, e ante a ausencia dun protocolo por parte da Consellaría de Educación a estas alturas do mes de xuño, o Consello Federal da CIG-Ensino acaba de aprobar un documento con propostas para unha negociación que debe ser inminente e que parte de dous principios irrenunciábeis para o sindicato: o reforzo do ensino público e a consideración da educación presencial como elemento referencial e central do sistema educativo, mais tendo presente as necesidades tecnolóxicas das que poidamos precisar en calquera momento se hai un rebrote de contaxios. 

Esta planificación ten que levar aparellado un aumento considerábel de investimento material e humano se se quere apostar por un retorno ás aulas seguro. Tal planificación pasa por aumentar o número de profesorado para facer posíbel unha baixada das ratios, xa que esta última é a única fórmula que pode garantir o distanciamento físico. Esta é a medida que o sindicato, de acordo coa opinión dos especialistas en epidemioloxía, considera máis eficaz para evitar os contaxios do coronavirus. Así mesmo, o documento evidencia que se algo demostrou o final deste curso é que a teledocencia só pode ser entendida como un recurso excepcional e que a súa aplicación non serve para as etapas iniciais e básicas do sistema educativo. 

No texto proponse a necesidade de planificar para dous posíbeis escenarios. O primeiro sería o de “normalidade alterada” polas limitacións sanitarias (distanciamento físico, alteración de espazos, medidas de protección e hixiene especiais), para o que é necesario un aumento de dotación orzamentaria que Feijóo primeiro rexeitou ao pedir destinar “a outros fins” o que lle corresponda a Galiza dos 1.600 millóns de euros destinados polo Ministerio para educación e despois a súa conselleira de Educación cualificou como insuficiente. O segundo escenario sería o dun novo confinamento para o que xa non habería escusas de non estar preparadas. No debate que se xerou no Consello Federal púxose en evidencia que o profesorado e os centros “laváronlle a cara ás administracións educativas durante todo este tempo, adaptándose en tempo récord á nova realidade da formación online e que, de novo, a Xunta pretende que sexan os centros os que asuman toda a responsabilidade do que aconteza coas escasas medidas de protección e hixiene que se prevén implementar o ano que vén. O que demostrou esta crise é que o profesorado foi vilependiado pola Consellaría durante todo este tempo, no que se ditaminaron instrucións contraditorias e se incrementou a carga burocrática de forma abafante, sen ningunha colaboración ou recoñecemento por parte da administración ao enorme esforzo feito durante este último trimestre”. Así pois, de mantérense as intencións da Xunta de non aplicar ningunha mellora que permita esa redución das ratios con fins sanitarios e de protección da saúde da comunidade educativa, o máximo órgano de goberno do sindicato anuncia que o comezo do vindeiro curso será conflitivo e que levarán a cabo todas as accións oportunas para defender a saúde de profesorado e alumnado. 

Nestes sentido, a CIG-Ensino insta á administración a poñer en marcha xa un estudo real de cal é a situación dos centros educativos en canto a dotación tecnolóxica, de espazos e de necesidades de persoal para cumprir o distanciamento de 1,5 metros entre persoas. Non é de recibo que esta medida sexa necesaria en calquera espazo cerrado, incluídos os centros de traballo ou as reunións familiares, e que non se manteña como obrigatorio nas aulas. Ademais nestes momentos as direccións dos centros teñen que facer a previsión do persoal provisional que van necesitar para o vindeiro curso polo que hai que ter en conta a necesidade de incremento de efectivos para cumprir con esta premisa. Así mesmo, o documento tamén recolle que é fundamental suplir as carencias formativas que pode ter o persoal docente no manexo das ferramentas propias da educación a distancia e garantir que o uso do noso idioma estea presente tanto nos contidos como nas propias plataformas empregadas para o desenvolvemento de forma excepcional dun ensino semipresencial. A análise destas necesidades debería estenderse así mesmo á dotación das familias e ao seu acceso e manexo da rede e, mediante o impulso da Consellaría, debería manterse unha relación fluída cos servizos sociais de cada Concello para coñecer realidades complexas ou conflitivas que poda estar vivindo o alumnado.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad