A necesidade de manter as distancias de seguridade, a necesidade de uso de máscaras e a limitación de participantes, entre os condicionantes para tomar a decisión
Os Concellos de Tui, Salvaterra de Miño, Porriño e Salceda de Caselas decidiron non organizar este ano campamentos de verán para nenas e nenos, para garantir a súa seguridade e ante as limitacións de aforo nesta nova normalidade. A decisión únese a da Deputación de Pontevedra que xa decidira suspender os seus, e segue a liña de actuación da Xunta de Galicia, que por seguridade mantén pechadas as escolas infantiles e os colexios.
As normas para a realización destas actividades recollen a necesidade de gardar distancias de seguridade, uso de medidas de protección e un número máximo de participantes de 15 por actividade, o que imposibilitaría dar entrada ás mesmas a moitas das crianzas interesadas.
Os campamentos de verán son unha actividade lúdica complementaria, que cada ano organizan os nosos Concellos, nalgúns casos en colaboración coas ANPAS dos colexios, para axudar á conciliación da vida familiar e procurar unha alternativa de ocio para as cativas e cativos que durante o verán teñen que quedarse no municipio. Estas actividades deben terse sempre como xeradoras de momentos de lecer e distensión para as nenas e nenos, dende unha posición educativa e de integración co medio.
A obriga de gardar a distancia de seguridade, as normas restritivas que impiden xuntarse grupos mais alá de 15 persoas ou o uso da máscara, todas elas medidas necesarias ante a pandemia que nos tocou vivir, fai que estas actividades non poidan manter a esencia das mesmas. Por outra banda, en determinadas idades e ambientes é moi difícil poder obrigar a manter unhas normas de conduta molestas cando se trata de ocio. Ademais, segundo as empresas do sector consultadas, sería moi difícil poder salvagardar a seguridade dos nenos e nenas fronte á Covid-19 no caso de que puidese darse algún contaxio.
Ante isto os concellos deTui, Salvaterra de Miño, Porriño e Salceda de Caselas decidiron suspender as actividades de campamentos de verán, considerando que esta é a única forma de salvagardar axeitadamente a seguridade dos nenos e nenas, agardando que esta situación mude e no ano 2021 poidan desenvolverse con normalidade.