Redacción 13/06/2020

O sector da hostelería mosense, o gran damnificado pola crise do COVID-19, concentra o maior número de traballadores en ERTE e autónomos con cese de actividade.

 

O Concello de Mos publicou onte os resultados do estudo de impacto económica da crise sanitaria do COVID-19. O estudo foi coordinado desde a Axencia de Colocación mosense, contando con 5 técnicos traballando no mesmo. Segundo o estudo, a crise xerada pola evolución epidemiolóxica da COVID-19 provocou un forte impacto económico en case todos os sectores e actividades económicas do municipio de Mos. Os resultados do estudo clasificáronse en dúas vertentes, por un lado o impacto económico nas empresas e por outro nos autónomos. 

No que respecta ás empresas, inventariáronse 1.281 e avaliáronse 958 delas. Da análise realizada concluiuse que, atendendo á incidencia dos ERTE, obsérvase que o 34% das empresas entraron en ERTE, o 34% prestaron servizos esenciais, o 31% foron servizos non esenciais que non pecharon ou só o fixeron as dúas semanas obligatorias, e o 1% cesaron a actividade con prestación solicitada ou concedidas. O maior impacto dos ERTE produciuse nas empresas do sector da automoción, seguidas das de comercio ao por maior, transporte, industria mecánica e fabricación, hostelería e comercio ao por menor. Os menos afectados polos ERTE foron os negocios de perruquería e estética, ocio infantil, formación especializada e artes escénicas.

Dentro dos ERTE, o 75% dos que se produciron en Mos corresponden ao sector da hostelería, o 17% a perruquería e estética, o 5% profesionais de artes escénicas e música, o 2% a comercio polo miúdo de tipo quioscos, estancos e administracións de lotería e o 1% a comercio polo miúdo ferretería e droguería. Por sectores o máis afectado foi o da hostelería concentrando o maior número de traballadores afectados por ERTE e autónomos con cese de actividade-prestación.

No tocante aos autónomos en cese de actividade-prestación, a maioría (o 63%) son tamén do sector da hostelería, seguidos do sector da perruquería e estética cun 17%. Os negocios con menor impacto foron os de comercio polo miúdo de productos alimenticios. De entre as empresas analizadas houbo 8 que experimentaron a pesar da crise unha maior facturación e 56 que non experimentaron incidencia. 

É significativo o dato da porcentaxe máis alta de incidencia (100%), encontrándose entre estas empresas 37 consideradas como moi afectadas debido aos sectores de actividade que desenvolven: centros de ocio infantil, automoción e relacionados coa mesma, catering de colexios, transporte público e de escolares, centros deportivos, empresas de artesanía, e empresas relacionadas co sector cultural e turístico. Son sen dúbida sectores moi afectados, para os cales se están a tomar medidas de apoio a través da UCI empresas.

En canto aos autónomos os resultados do estudo conclúen que os ERTE afectaron a un 63% das persoas traballadoras en pequenos negocios dirixidos por autónomos e autónomas, aos que se suma un 29% de autónomos que solicitaron a prestación extraordinaria por cese de actividade. Os sectores nos que máis afectou a crise foron: hostelería (75%), servizos de perruquería e tratamentos de estética (16%) e unha porcentaxe pequena, aínda que significativa de profesionais de artes escénicas e música (5%). Por outra banda, os negocios con menor impacto da crise da Covid-19 foron: o sector alimentación e comercio ao por menor de productos de primeira necesidade, nos que se inclúen productos de droguería, ferretería, períodicos, e servizos de reparación de automóviles e maquinaria. 

As parroquias nas que máis autónomos se detectaron foron as de Tameiga e Sanguiñeda. De entre os autónomos contactados só 3 experimentaron maior facturación durante a crise e 9 non tiveron incidencia negativa da mesma. Extráese destes datos, a incidencia significativa no sector da hostelería e servizos persoais. A crise do Covid-19 que limita sobre todo as relación interpersoais, afectou a actividades económicas baseadas nesa proximidade. E é moi importante o impacto económico nunha porcentaxe do 100% no ámbito das persoas autónomas do municipio.

O obxectivo desta análise, unha vez rematada, é obter un coñecemento en detalle das actividades afectadas por esta crise. A continuación, o Concello preve basearse nestas informacións para deseñar futuras políticas de impulso económico.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad