Este luns arrinca a nova iniciativa do programa SmartPeme co obxectivo de axudar á reactivación do comercio da provincia con dez proxectos e utilizando tódalas posibilidades das novas tecnoloxías e do e-commerce
Impulsar a reactivación do tecido comercial da provincia, trala crise sanitaria causada pola Covid19, é o obxectivo da nova aceleradora destinada ao comercio que a Deputación de Pontevedra pon en marcha dende mañá luns, mediante a transformación dixital de pequenas e medianas empresas a través do seu programa de fomento da innovación tecnolóxica empresarial SmartPeme.
A institución que preside Carmela Silva vén de seleccionar 10 proxectos dos máis de 20 que se presentaron e que destacan por responder a ideas de negocio novidosas e polo intento de explorar novos nichos e oportunidades.
Trátase de 10 empresas de comercio minorista que foron seleccionadas por ser negocios cun enfoque innovador e que buscan adaptarse rapidamente á “nova normalidade”, utilizando ao máximo os recursos e posibilidades do e-commerce.
O perfil das persoas emprendedoras seleccionadas é maioritariamente feminino, pois entre os responsables destas empresas hai 6 mulleres e 4 homes. Entre elas hai dende negocios que comezan, a outros que se reorientan aproveitando as súas potencialidades e singularidades e se reparten por distintas localidades da provincia, os proxectos seleccionados son:
– “TipiFiestas Galicia” é unha nova empresa de eventos, radicada en Nigrán, que vai facer dos tipis indios e da decoración temática o seu sinal de identidade. Con esta óptica pretende organizar vodas, bautizos e outras cerimonias.
– “Foodiesandtravellers” tenta apoiarse, dende a súa sede en Mos, no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado español como no estranxeiro..
– “Blaurtopías” é un proxecto vigués de venda online de obxectos de artesanía como ilustracións, cerámica e serigrafía. Coa axuda de SmartPeme está a mellorar a súa web, integrando directamente a venda.
– “KarinaKova” é unha clínica médico estética creada en 2016 en Pontevedra e que agora busca reorientarse abandonando o apartado médico e centrándose no estético, con especialización en tratamentos faciais e corporais.
– “Broderie” é un proxecto artesanal nacido en Ponteareas e centrado no deseño e creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man: fadas, bonecas, guirnaldas, camisetas…
– “Tolf”, que é unha tenda de roupa feminina de Pontevedra con marcas exclusivas e deseños especiais nacida en outubro, busca relanzarse despois desta crise sanitaria e o peche polo estado de alarma.
– “Infusiónate” é un negocio lalinense que apostou pola venda de tes e infusións a granel. A aceleradora de SmartPeme está axudándolle a crear unha web, a posicionarse en Google, xestionar márketing dixital e lanzar unha nova liña de produto.
– “Comercial Limeres” e o exemplo máis claro dun negocio tradicional que se reorienta. Dedícase á venda de lámpadas decorativas nunha tenda familiar creada en Pontevedra en 1976. Dispón de clientela fidelizada e non é raro que reciba a xente que busca modelos concretos que viron en redes sociais.
– “SS3 Professional” dedícase dende Mos á comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos. Coa crise da Covid19 creou novas liñas de produtos como desinfectantes, xeles hidroalcólicos e máscaras.
– “Tamerlán” é unha empresa de Vigo dedicada á limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Traballa, fundamentalmente, para tintorerías, pero buscan chegar tamén ao cliente final.