Investíronse 44.500 euros do Plan Concellos
O Concello de Tui ten procedido nas últimas xornada á renovación e dixitalización do equipamento da emisora municipal, situada na Área Panorámica, cun investimento de 44.500€ procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A Radio Municipal de Tui, que o pasado 16 de abril cumpriu 27 anos, conta así cun equipamento de emisión completamente renovado e dixitalizado xa que moitos dos equipos que se estaban a empregar, coma as mesas de mesturas traballaban aínda en analóxico xa que databan dos inicios da emisora. Deste xeito tanto no control principal coma na sala de gravación a emisora dispón de mesas de mesturas dixitais o que por unha parte actualiza o equipamento á tecnoloxía actual e por outra redunda nunha calidade da emisión. O mesmo acontece cos micrófonos do locutorio que foron renovados colocándose amais novos soportes que minimizan os ruídos que se poderían producir sobre a mesa.
Do mesmo xeito foi renovado parte do equipo informático da emisora con novos ordenadores que posúen características superiores aos que se estaban a empregar e sobre todo permite maior fluidez no traballo. Incorporáronse tamén novas tarxetas de son, e mobiliario con cadeiras ergonómicas par ao locutorio. Outro dos equipo que vén de ser substituído é a etapa de potencia que permitirá manter a calidade de emisión.
A Radio Municipal de Tui vai recuperando estes días a presenza de convidados e locutores no estudo con todas as medidas de seguridade, xa que se instalaron anteparos protectores no locutorio, e protectores dun so uso nos micrófonos, amais de establecer un protocolo de limpeza tras a participación dunha persoa en directo na emisora. Xa dende o inicio do Estado de Alarma dende o Concello colocáronse dispensadores de xel hidroalcohólico no acceso ás instalacións así coma en redacción, control e locutorio.
Co investimento realizado a emisora municipal de Tui actualiza o seu equipamento situándose, unha vez máis, entre as radio locais máis importantes de Galicia e unha das mellor dotadas en medios.