Pódese solicitar a ampliación da superficie da que se dispuña antes do Estado de Alarma
A instalación de mesas e cadeiras cunha terraza na vía publica está suxeita a licenza municipal. Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días, onde se indica que así o recolle o artigo 42 da lei 9/2013 de emprendemento e competitividade de Galicia modificada pola lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Aquelas terrazas que carezan de licenza deberá regularizar a súa situación e en caso contrario procederase a iniciar expediente sancionador.
No bando da alcaldía lémbrase tamén as condicións nas que se permite a apertura das terrazas na actualidade segundo a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, co 50% das mesas permitidas o ano anterior. Débese manter unha distancia de ao menos dous metros entre mesas ou agrupacións de mesas. No caso de que o establecemento obteña o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderán incrementar o número de mesas, respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública no que se emprace a terraza.
No bando da alcaldía lémbrase tamén a ocupación máxima das mesas e as medidas de hixiene e prevención para a prestación do servizo establecidas na orde na que se permite a reapertura. Cómpre lembrar así a necesidade limpar e desinfectar o equipamento, principalmente mesas e cadeiras e calquera superficie de contacto entre un cliente e outro. Priorizarase o uso das mantelerías dun só uso, poranse a dispor do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos, evitarase o uso común de cartas, eliminaranse produtos de autoservizo, e os elementos coma vaixela, cristalería, cubertería ou mantelería estarán en recintos pechados ou lonxe de zonas de paso. Deberá amais respectarse a distancia de seguridade interpersoal.
Os establecementos que desexen ampliar a superficie de terraza deben tramitar as solicitudes mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática (comercio@tui.gal) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.
Cómpre lembrar amais que a corporación municipal acordou ampliar a exención das taxas por ocupación de vía pública ás terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria.