Francisco Conde reuniuse esta mañá por videoconferencia coa alcaldesa e 65 empresarios mosenses, nunha xuntanza coordinada e moderada por AEMOS.
Esta mañá celebrouse por videoconceferencia unha reunión entre o conselleiro de Economía, Emprego e Industria a alcaldesa de Mos e parte do tecido empresarial mosense. A xuntanza foi coordinada e moderada por AEMOS, Asociación de Empresarios de Mos, e ademais do conselleiro e a rexedora local mosense asistiron o presidente dos Empresarios, a secretaria xeral de Emprego, o Director do Igape e a concelleira mosense de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego.
O encontro enfocouse baixo o título de ‘novos retos empresariais na era do COVID-19’ e participaron un total de 65 empresarios/as mosenses. Entre ellas, había empresas que aínda permanecen pechadas porque non puideron retomar a actividade debido ao estado de alarma, as que están activas pero sufrindo a crise económica ou as que se reinventaron enfocándose á producción de material para a prevención do COVID-19 e seguen a facer balance positivo. Mostrouse un esceario variado con todo tipo de casos e experiencias.
Durante o encontro tratouse sobre este novo esceario social e empresarial non previsto, derivado da crise sanitaria do COVID e os representantes das empresas de Mos tiveron ocasión de plantexar dúbidas respecto da nova situación. Algúns dos temas de maior interese e máis recurrentes nos plantexamentos das empresas durante a reunión desta mañá foron os ERTES e suxestións e dúbidas respecto dalgúns aspectos da lexislación vixente que lles era complicado interpretar ou lles resultaban confusos.
Tamén tiveron especial protagonismo temas como o teletraballo e a dixitalización das empresas, entendéndose tanto o teletraballo como o comercio electrónico on line como ferramentas clave para a supervivencia empresarial nestes tempos. A maioría delas recoñeceu que tivo que madurar de xeito exprés durante estes dous últimos meses nestes aspectos, que foron a súa salvagarda e a forma de poder seguir activas e producindo.
Os representantes da Xunta de Galicia deron, pola súa banda, toda a información sobre liñas de subvencións para autónomos, PEMES e empresas vixentes, así como sobre axudas de financiación e manifestaron o total apoio da administración autonómica ao tecido empresarial mosense. Concluiuse da xuntanza a vontade de colaboración total entre administracións e empresas, de arrimar todos a unha o ombreiro para saír pronto e reforzados desta crise derivada da pandemia do COVID-19.