Os alumnos de 4º da E.S.O. e 1º de Bacharelato participarán, compartindo os seus propios achados, xunto con importantes historiadores nunha serie de charlas sobre as fontes orais no estudo da historia, cun foco no pasado do Concello.
O departamento de Ciencias Sociais do IES de Mos comezou este ano un pequeno proxecto ambicioso nos seus obxectivos, pero cativo e progresivo na súa aplicación: crear un Arquivo da Memoria Oral de Mos. O alumando de 4º da ESO e 1º de Bacharelato realizou entrevistas e unha serie de traballos sobre diferentes aspectos da historia de Mos durante o presente curso.
A finalidade do proxecto é confrontar ao alumnado co oficio de historiador desde as aulas utilizando as ferramentas das que dispomos. Procuramos facer da aula do instituto un pequeno laboratorio de Historia e reivindicar a Historia como unha ciencia teórica, ao tempo que empírica.
Para finalizar o proxecto deste particular ano académico, organizamos un ciclo de conferencias virtuais para reflexionarmos sobre as fontes orais e a Historia desde a experiencia profesional das persoas especialistas e desde a propia experiencia. Serán un total de tres conferencias onde diversos especialistas falarán da súa obra histórica e, tamén, o alumnado exporá os seus traballos baseados nas fontes orais.
A primeira conferencia tivo lugar o mércores pasado e, baixo o título “Investigación histórica e fontes orais: unha reflexión”, o profesor da USC Daniel Lanero explicou o uso da entrevistas nas súas investigacións.
Por outra banda, a sefunda conferencia terá lugar mañá, mércores 27 de maio, ás 18:00 h. O seu título “A Represión no franquismo en Mos: Historia e fontes orais”. Intervirán Xoán Carlos Abad (profesor de Historia e Presidente do Instituto de Estudios Vigueses) e Ana Aller (Presidenta da Comisión de Familiares da Memoria Histórica de Mos).
A terceira conferencia estará protagonizada polo alumnado do I.E.S. de Mos. Exporán os seus traballos sobre fontes orais realizados no presente curso, e será o luns 1 de xuño ás 18:00 h baixo o título de “A memoria oral no IES de Mos”.
Todas as conferencias serán en directo a través do canal de Youtube “historiasdepaulo”. Unha vez finalizadas, quedarán subidas á plataforma para o seu visionado.