Redacción 25/05/2020

A Deputación impulsa as plantacións de Froitos do Bosque Ecolóxico co programa “Depofroitos”

O proxecto ofrece un servizo de asesoría online ás e aos participantes que buscan emprender en zonas rurais nestes cultivos. A iniciativa enmárcase na firme aposta da institución provincial pola defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no seu apoio ao medio rural.

O proxecto “DepoFroitos”, cuxas actividades iniciou en marzo a Deputación de Pontevedra e que ten por obxecto impulsar o cultivo de froitos do bosque ecolóxico entre persoas interesadas en emprender en zonas rurais da provincia, sumou xa preto dun cento de participantes. As inscricións para tomar parte neste proxecto de asesoramento, que se prolongará ata o 30 de setembro, seguen a poder realizarse no enderezo depofroitos@depo.es ou no teléfono 886 210 725 (extensión 40734).

Esta iniciativa, que se enmarca no firme compromiso da Deputación na defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no seu apoio ao medio rural, ofrece un servizo de asesoría online para as persoas participantes, no que se lles aporta un conxunto de ferramentas dirixidas a que coñezan esta oportunidade de negocio e a axudarlles a crear e consolidar empresas que se dediquen ao cultivo ecolóxico dos froitos do bosque. Todo elo cunha aprendizaxe áxil e adaptativa durante o proceso.

O programa posto en marcha pola Deputación proporciona ás persoas participantes información na tramitación de axudas e subvencións, na elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, e acompañamento técnico na iniciación dos proxectos empresariais. Ao longo das sesións promóvese a elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, así como a creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos.

Amais, para reforzar estas actividades utilízanse dúas ferramentas innovadoras: un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación. Cada persoa destinataria do proxecto ten así un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (email, teléfono e WhatsApp) na que pode facer consultas e comentarios e recibir deste xeito o apoio necesario para que sexa máis fácil xestionar a creación e o mantemento da súa nova empresa relacionada co cultivo, a elaboración e transformación de froitos do bosque.

O programa “Depofroitos” está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a fundación Biodiversidade a través do Programa Empleaverde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade entre as e os habitantes de zonas Rede Natura da Provincia de Pontevedra e do Principado de Asturias. 

Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados polos consumidores, esixen pouco terreo para a súa produción e teñen un custe inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad