Redacción 23/05/2020

O organismo, integrado por membros da Deputación de Pontevedra e da Xunta, reuniuse onte de maneira telemática e aprobou por unanimidade os 20 puntos da orde do día. Salientan a súa boa posición económica, proxectan reformas na xestión e aproban a adquisición dun novo vehículo de rescate.

 

O pleno extraordinario do Consorcio Provincial para a prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento foi presidido pola presidenta da Deputación Carmela Silva, e asistiron o Director Xeral de Emerxencias, dous deputados provinciais, e as delegacións da Xunta en Pontevedra e Vigo.

A boa saúde económica e financeira do Consorcio Provincial quedou reflectida cos datos da conta xeral de 2019: un balance de patrimonio neto e pasivo corrente de 8,6 millóns de euros, a conta do resultado económico-patrimonial axustado de +239.783,71 euros, o resultado orzamentario axustado de +730.139,36 euros, o remanente de tesourería para gastos xerais de 4.467.041 euros o que supón 438.006 euros máis respecto a 2018, e un período medio de pago de 16,3 días. Amais, segundo o informe da Secretaria-Interventora, se cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co límite da débeda cumprindo así co principio de sustentabilidade financeira (o consorcio ten unha débeda financeira do 0%).

Por outra banda, o pleno deu luz verde á constitución dunha comisión técnica para o seguimento do proceso do paso de xestión indirecta a xestión directa. A Comisión, que terá unha primeira convocatoria para reunirse no próximo mes de xuño, terá carácter paritario entre os membros do Consorcio, e entre os seus cometidos estará a elaboración da memoria comprensiva dos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros da prestación do servizo, a fin de determinar tecnicamente a procedencia do cambio de modelo.

O pleno tamén aprobou a adxudicación do subministro dun vehículo de rescate e de extinción de incendios en altura á empresa INCIPRESA por un prezo de 642.400 euros, máis 134.903 euros de IVE. Trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con mando remoto con tecnoloxía wireless e diversas melloras en canto ás características mínimas e as condicións operativas do brazo articulado.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad