Redacción 22/05/2020

A Asociación AGL continúa co servizo de fisioterapia especializado no tratamento de linfedema

O obxectivo deste proxecto é mellorar as capacidades de cada participante para facilitar a súa autonomía persoal, a través da integración social e laboral.

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) está de volta coa continuación do proxecto “Servizo de Fisioterapia especializado en Linfedema e Lipedema”. Iniciando en xaneiro deste ano, este proxecto que subvenciona a Xunta de Galicia e a Fundación ONCE  a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda, tivo que realizar un parón a causa do COVID-19, pero agora volve reiniciar con todas as medidas necesarias de salubridade.

AGL desenvolve este proxecto en distintos concellos de Galicia, co fin de mellorar as capacidades e facilitar a autonomía persoal de cada participante a través da integración social e laboral. Actualmente son 90 as persoas que acoden a este servizo especializado no tratamento de linfedema e lipedema que se trata en 13 clínicas especializadas situadas nos concellos de: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Baio.

Dende AGL transmiten que estes tres meses de parón nos tratamentos resultou ser prexudicial para moitas das persoas usuarias do programa. Indican que, a pesar dos coidados que realizaban elas mesmas na casa, sentiron un agravamento do seu linfedema, o que constata a necesidade deste servizo para a mellora do día a día das persoas que teñen esta doenza.

O Linfedema é a alteración do sistema linfático, unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que proporcionalmente afecta máis ás mulleres. Na actualidade non existen fármacos ou intervencións cirúrxicas eficaces. O tratamento fisioterapéutico especializado está demostrado que é o máis efectivo para evitar que a enfermidade empeore e se agrave.

Segundo a Sociedad Española de Angiología y Cirugía Vascular (SEACV) e a Sociedad Española de Rehabilitación y Medicina Física (SERMEF), máis de 900.000 persoas en España, 50.000 en Galicia, teñen linfedema e estímase que anualmente serán 3.000 mulleres as que desenvolvan un linfedema asociado a intervencións de cancro de mama.

Asociación AGL

A AsociaciónGalega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas é unha Organización non Gobernamental constituída no ano 2004, co obxectivo principal de contribuír ao coñecemento, estudio e investigación do Linfedema e do Lipedema, así como promocionar e levar a cabo toda clase de accións destinadas a mellorar a situación das persoas con Linfedema e Llipedema e outras patoloxías análogas, así como ás súas familias.

Para máis información:

López Ballesteros nº 13 / oficina 4. Edificio da Estación de Autobuses. Vilagarcía de Arousa

Tfno: 986 505 443 / Móvil: 630 024 428

Mail: info@linfedemagalicia.com

Blog: www.linfedemagalicia.com

Facebook: @Asociación galega de linfedema

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad