O proxecto Mos Axuda, existente dende 2015, continúa contribuindo a paliar as carencias de bens básicos dos mosenses. O Concello comprométese a entregar axuda a principios de xuño a 330 persoas vulnerábeis.
Onte iniciouse a campaña de recollida de alimentos á que están convidados a participar particulares e empresas. Calquera achega será benvida, xa sexa doazón de alimentos, doazón de tarxetas solidarias trocábeis nos supermercados de Mos, ou ben doazón en efectivo no número de conta de MosAxuda: ES98 2100 5656 0501 0024 5307.
O servizo de voluntarios de Protección Civil será o encargado, en caso de ser necesario, de realizar a recollida da mercadoría onde a empresa ou persoa doante indique. Para máis información, os interesados poden contactar con Mos Axuda no email mosaxuda@concellomos.es e con AEMOS no enderezo de correo electrónico asociacion@aemos.es
Esta será a cuarta entrega de alimentos desde que comezou a pandemia do COVID-19. Son 120 familias, e un total de 330 persoas, as beneficiarias do programa de alimentos. Mos Axuda funciona en coordinación co Departamento de Política Social do Concello de Mos, onde o persoal técnico é quen, mediante un informe social pertinente, realiza a listaxe de veciños empadroados autorizados para seren beneficiarios.