Trala publicación por parte da Xunta do listado de parroquias nas que non serán de aplicación as franxas horarias destinadas a paseo e deporte ao aire libre, resólvese a confusión provocada durante a xornada de onte: a eliminción destas franxas horarias afecta a todas as parroquias de Mos, se ben o Concello recomenda evitar as zonas urbanas.
A orde minsterial publicada o pasado 1 de maio, que regulou as franxas horarias nas que se permiten saídas para pasear e a realización de deporte, prevía unha excepción para aqueles “núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes”, nos que os cidadáns poderán realizar estas actividades ao aire libre entre as 6h e as 23h independentemente do grupo de idade ao que pertenzan. Comezou naquel momento un debate sobre a maneira na que se definían tales núcleos de poboación, pois podía ser discriminatorio para aqueles municipios que, superando os 5.000 habitantes, posúan unha poboación dispersa, como acontece en gran parte do territorio galego. O pasado xoves, o Goberno central, antendendo a estas reclamacións, terminou por resolver a controversia estabelecendo unha interpretación ampla do termo, e encargou á Xunta decretar cales serían eses núcleos de poboación afectados.
A continuación a Xunta solicitou á Federación Galega de Municipios e Provincias que comunicase aos Concellos galegos esta decisión, mais non publicou a lista oficial das parroquias concernidas até venres. Pola súa banda, o Concello de Mos comunicou estes cambios onte, nun primeiro momento, incluíndo certas limitacións en zonas do municipio, como poden ser as áreas de Puxeiros-Tameiga, San Rafael-Pereiras ou Sanguiñeda. Máis aditante, e trala publicación da lista oficial, o Concello de Mos quixo aclarar que aquelas limitacións eran senón recomendacións feitas para os veciños evitaren aglomeracións naquelas zonas onde se concentran servizos, e empregar áreas menos urbanizadas para as actividades ao aire libre recollidas na orde ministerial.