Redacción 08/05/2020

A agrupación socialista trasladou ao goberno local un conxunto de propostas en materia empresarial e social. Pretende así tender a man á alcaldesa Nidia Arévalo e contribuir de maneira construtiva á recuperación trala crise sanitaria e as súas consecuencias económicas.

 

O Partido Socialista solicitou ao Concello que explore a posibilidade de ampliar o espazo de que dispoñen os estabelecementos hostaleiros para terrazas, así como a suspensión do cobro do imposto do lixo a todas as empresas do municipio durante a duración do estado de alarma. Ademáis, sumándose ás propostas do BNG de Mos da semana pasada en materia de protección social e perante a grande carga de traballo que afronta esta área, pide o reforzamento dos servizos sociais do Concello por medio das contratacións anunciadas no marco do Plan Concellos da Deputación. En concreto, propón como mínimo a incorporación de tres profesionais para este departamento e dunha nova traballadora para o Centro de Información á Muller.

A voceira socialista en Mos, Victoria Alonso, considera que tales propostas son “perfectamente asumibles” polo goberno local e móstrase satisfeita de que o Concello tivese escoitado e acordado con propostas anteriores.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad