Redacción 02/05/2020

O alcalde de Tui e o concelleiro de Turismo garantiron o apoio municipal para a reactivación do sector tras a pandemia

 

A Mesa Local do Camiño reuniuse o pasado xoves 30 de abril de xeito telemático no Concello de Tui . O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, mantiveron un encontro cos representantes dos distintos sectores – aloxamentos, restauración, servizos aos peregrinos, igrexa e movemento asociativo xacobeo – que forman parte da Mesa. O obxectivo foi avaliar a situación actual e as perspectivas no ámbito do Camiño de Santiago e a peregrinación, un sector estratéxico na localidade.

A reunión comezou coa valoración da situación actual na cidade por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, quen deu conta do reducido índice de contaxios rexistrados no municipio e das previsións de desaceleración económica. Por iso apuntou á necesidade dunha acción coordinada entras as administracións públicas e o sector privado e demais axentes implicados no Camiño de Santiago para superar esta situación de crise.

Das intervencións dos participantes pódese concluír a preocupación evidente pola situación e a incerteza sobre prazos e posible retorno progresivo á normalidade. Tamén coincidiron en sinalar a necesidade de ver nesta situación unha oportunidade para avanzar, pois a peregrinación realizase ao aire libre, en contacto coa natureza, que son os espazos de primeira recuperación. Houbo unha coincidencia xeral sobre a necesidade de contar con protocolos sanitarios para lograr que os establecementos teñan garantida a seguridade para todos os clientes, así como de traballar nun mellor posicionamento de Tui nas redes sociais de cara á nova etapa post-covid19.

Tanto Enrique Cabaleiro como Laureno Alonso manifestaron a súa satisfacción por esta reunión pois permitiu coñecer de primeira man a situación deste sector e continuar o traballo que se impulsa a través da Mesa do Camiño de Santiago en Tui de cooperación entre os diversos sectores implicados. Un sector, o do Camiño Portugués, que todos confían en que rexurda e continúe aportando un importante pulo ao desenvolvemento local coma até o de agora. Neste obxectivo cóntase coa implicación de todos nun traballo conxunto de preparación dos novos escenarios post-confinamento.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad